O alcalde subliña que o realmente importante é destinar o diñeiro público ás persoas
Ribadeo, 4 de novembro de 2023. Ribadeo é líder en investimentos en benestar social na provincia de Lugo. Así o destacou o alcalde, Dani Vega, este sábado.
O rexedor dixo que “o Concello de Ribadeo lidera en toda a provincia a inversión en benestar social. E estamos orgullosos porque nestes cinco meses dedicámonos a traballar, a investir, a xestionar polos nosos veciños, e creo que as obras falan por si mesmas”.
Hospital Asilo
Vega manifestou que “estar iniciando as obras no hospital asilo e cun investimento de 2 millóns de euros significa un compromiso para traer canto antes a Ribadeo aos nosos maiores. E desde logo o hospital asilo vai ser unha residencia de referencia en toda a provincia. Comezamos as obras e pouco a pouco vaise ir vendo un traballo moi importante”.
Centro de día e residencia
O alcalde contou que “tamén estamos a facer melloras no centro de día. Aquí estamos a investir 16.700 euros agora e 50.000 euros no ano 2024. Estamos ademais a realizar melloras na residencia de maiores, instalando toldos exteriores e mobiliario exterior para facer actividades ao aire libre na primavera e no verán. Pero é bo ter unha previsión e facelas agora para estean listas nese momento. Aquí estamos a realizar un investimento de 20.000 euros”.
Preto de ti
Daniel Vega explicou que “non so investimos en obras e infraestruturas senón tamén na organización de actividades nas nosas parroquias e en Ribadeo, achegando moitas delas á veciñanza, como as que teñen que ver coa memoria, ximnasia, pintura, escritura, lectura… estamos a investir naquilo que é importante, estar entre os veciños e as veciñas, ter actividades que lles sirvan para unirse e pasar unha tarde xuntos. Aquí hai unha partida do Concello e outra de 40.000 euros por parte da Xunta de Galicia”.
O rexedor subliñou que “o benestar social é unha das prioridades do equipo de goberno do Concello de Ribadeo e por iso nos fai líderes en toda a provincia. E non imos quedar aquí, imos investir máis en actividades para as persoas maiores, para o público xeral como estar en conexión co centro sociocomunitario e tamén para as nenas e os nenos de Ribadeo”.
Cestiña dos arrolos
Vega indicou que “a primeira medida que adoptamos é esa cestiña dos arrolos cunha colaboración coa asociación Saúde Mental A Mariña. Tamén haberá actividades nos centros de ensino para concienciar e sensibilizar, queremos colaborar con eles para ter unha estratexia conxunta entre a asociación e o Concello. E a cestiña dos arrolos é a primeira colaboración. Cada neno, cada nena que nada aquí ou que veña a Ribadeo vai ter esa cestiña, que entregaremos a partir do 3 de decembro”.
Para o alcalde ribadense “trátase dunha inversión moi ben empregada. É importante que as administracións e as formacións que estamos dentro do Concello invistamos o diñeiro público nas persoas. Iso é o realmente importante”.
O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do proxecto Mentalización e Sensibilización en Saúde Mental, da asociación Saúde Mental A Mariña, que organizará actividades nos centros de ensino de Ribadeo, Barreiros e Viveiro “para normalizar a enfermidade mental, favorecer o coidado, eliminar o estigma e os prexuízos existentes”, comentou Mª José Novoa, directora xeral técnica de Saúde Mental A Mariña. Será durante o vindeiro ano 2024.