“Consolidar a cooperación cos concellos como elemento vertebrador de todas as accións da Deputación, dirixidas a crear e mellorar servizos públicos e a promover a actividade económica como factores esenciais para fixar poboación no rural, son os obxectivos das contas, que o Presidente prevé aprobar en Pleno neste mes para que entre en vigor a primeiros de ano, como sempre ocorreu dende que lidera a institución
Lugo, 3 de novembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este venres no Parlamento de Galicia as liñas estratéxicas dos Orzamentos da institución para o ano 2024, uns presupostos “realistas, útiles e sociais” que ascenderán a 116M€, o que representa un 5% máis ca neste ano.
Como sempre ocorre a estas alturas do ano dende que José Tomé é Presidente, o Goberno provincial está elaborando as contas coa previsión de aprobalas en Pleno neste mes de novembro para que así poidan entrar en vigor a primeiros de ano.
Neste sentido, subliñou que un Goberno “responsable e útil” é o que aproba os Orzamentos en tempo e forma, pero tamén o que fai “unha planificación realista e a executa”, como é o caso da Deputación de Lugo, que alcanzou unha media anual de execución do 85%, situándose á cabeza das administracións locais de España. “Os Orzamentos non son un folletín propagandístico para lanzar titulares, ou un corta e pega de partidas que que se repiten e nunca se executan. Son un instrumento investidor para desenvolver políticas que melloran a vida da xente. Por iso, esixen seriedade e rigor, como a que sempre lle damos na Deputación de Lugo”, asegurou o Presidente.
“Coa responsabilidade e o orgullo de seguir traballando cada día polo futuro dos 324.000 veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia de Lugo, e coa satisfacción de ter logrado nas urnas o aval ás políticas públicas que viñemos aplicando no pasado mandato dende un Goberno estable”, o mandatario provincial subliñou ante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento que os presupostos da Deputación para o ano 2024 “servirán para dar un novo impulso ó proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia”.
Para elo, explicou, “consolidamos a cooperación cos concellos como elemento vertebrador de todas as accións da Deputación, dirixidas a crear e mellorar servizos públicos e a promover a actividade económica como factores esenciais para afrontar un dos maiores problemas que temos, como é o reto demográfico e fixar poboación”.
Cooperación, políticas sociais, mobilidade e apoio aos sectores produtivos son as grandes liñas estratéxicas dos Orzamentos da Deputación de Lugo para o vindeiro ano 2024, concretou o Presidente.
A Deputación transfire o 20% do seu Orzamento aos 67 concellos da provincia
En canto a cooperación, José Tomé incidiu en que a Deputación de Lugo é o Concello dos Concellos, “un termo que eu mesmo acuñei, e que levamos á practica dende o Goberno provincial todos os días e en todas as accións, de maneira transversal, porque é a mellor maneira de ser útiles aos veciños e veciñas”. De feito, concretou, “a día de hoxe a Deputación é unha administración esencial para o funcionamento dos concellos da nosa provincia, sen a que moitos non poderían prestar os servizos máis básicos”.
Destacou que a Deputación de Lugo transfire cada ano o 20% do seu Orzamento aos 67 concellos da provincia, “seguindo criterios públicos e obxectivos, e cun respecto máximo á autonomía municipal, pois son os propios concellos os que deciden libremente a que fins destinan os recursos económicos que reciben”. Ademais, este Goberno introduciu medidas para que os concellos poidan aproveitar mellor os fondos.
Fronte a este 20% de fondos da Deputación transferidos aos concellos e a pesar das numerosas ocasións en que a institución o ten solicitado, a Xunta de Galicia “segue sen ter un plan destas características, e o máis semellante, o Fondo de Cooperación Local, manteno ben achicado, pois só lle dedica un 1,1% do total do seu Orzamento”. Ademais, lamentou, co cambio de cor política na Deputación de Pontevedra, “empezan xa coas rebaixas e, de entrada, parece que van reducir máis dun 21% os fondos que transfiren aos concellos de xeito obxectivo”. Uns casos que marcan “a gran diferencia no compromiso político co municipalismo entre uns e outros”, sinalou.
Xunto aos recursos económicos, a Deputación de Lugo ofrece asistencia técnica a todos os concellos que así o requiren en materia xurídica, urbanística, en xestión e cobro de impostos municipais, en recursos humanos ou en formación, entre outras cuestións, co que aforran miles de euros e gañan eficacia.
Ademais, “como reforzo de todo ese apoio e asistencia permanente”, explicou José Tomé, desenvolve o proxecto Impulsa TIC, co que proporciona de maneira totalmente gratuíta aos 52 concellos que decidiron adherirse servizos e equipamentos tecnolóxicos para avanzar na modernización e na transformación dixital da administración, e mellorar así o servizo que prestan aos veciños. Para elo, a Deputación conta con 4,5M€ que conseguiu do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno de España ten en marcha gracias ós fondos que logrou da Unión Europea.
“Esforzo” en políticas sociais “para suplir as carencias da Xunta”
O Goberno provincial, expuxo o Presidente, “consolida o peso específico” das políticas sociais nos Orzamentos, destinándolle un terzo do total. “Un esforzo enorme co que suplimos ata onde podemos as carencias da Xunta, a administración coas competencias segundo o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais”, e grazas ao que “hoxe, somos a Deputación de España cunha rede pública de protección social tan ampla”.
José Tomé puxo en valor o cumprimento dos seus compromisos en materia de residencias: “Prometemos no pasado mandato abrir 6 Centros de Atención a Maiores, e cumprimos, a pesar de afrontar unha pandemia mundial polo medio”. Desta forma, hoxe a Deputación conta con 9 residencias en funcionamento noutros tantos concellos, que ofrecen 300 prazas asistenciais e crean en torno a 225 postos de traballo directos, na súa gran maioría de mulleres.
A Deputación, subliñou o Presidente, conta cun “modelo público centrado nas persoas, non na rendibilidade económica, que favorece o arraigo, e crea actividade económica e emprego sostible”, e que representa polo tanto tamén “un modelo de desenvolvemento para o noso rural, replicable no resto de Galicia, pero tamén en Europa, como quedou constancia xa en diversos foros, o último, a Conferencia Europea de Alto Nivel sobre Envellecemento que acolleu Lugo no marco da Presidencia Española da UE”.
Avances nos centros de maiores
Seguindo con ese nivel de compromiso, o Presidente anunciou que, de cara ao ano 2024, ademais de manter as 9 residencias en servizo, o que supón un investimento duns 6M€, “continuaremos traballando noutros 9 proxectos, para completar así os 18 compromisos adquiridos pola institución cos concellos”. Concretou que están en obras as residencias de Guitiriz e da Pontenova, que, avanzou, se abrirán neste mandato; recentemente firmouse o contrato para iniciar a construción do centro da Pobra do Brollón, e avanzan os proxectos de Becerreá, Ourol, Cervantes, Pantón, Portomarín e Folgoso do Courel.
Fronte a isto, “a Xunta de Galicia leva case 15 anos sen abrir nin unha soa residencia pública, e tampouco ten previsión de facelo, á vista dos seus Orzamentos para o ano 2024, e de que nunca quixeron colaborar co noso modelo de residencias”, apuntando neste sentido que “é Amancio Ortega o que constrúe as residencias que se abren en Santiago ou en Lugo”, non a administración autonómica.
O Presidente destacou o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar por parte da Deputación nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia -todos menos a capital-, atendendo ás necesidades dos propios concellos, “algo que non fai a Xunta, que non atendeu á petición FEGAMP de incrementar a aportación para esta prestación, sobre todo tras a subida das solicitudes rexistradas durante e despois da pandemia”. En cambio, o que fai son “parches que non solucionan nada”, pois “máis de 3.200 persoas seguen sen atendera pesar de que teñen recoñecida a dependencia, e Galicia está hoxe á cola en España en investimento por persoa potencialmente dependente”.
Centro de Acollida de Refuxiados no antigo hospital San Rafael
No ámbito das políticas sociais, José Tomé destacou que no vindeiro ano 2024 “avanzaremos nun proxecto moi importante para a provincia en colaboración co Goberno de España”, como é a construción dun Centro de Acollida de Protección Internacional nas instalacións do antigo Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, propiedade da Deputación de Lugo. Será o primeiro de Galicia que prestará asilo a persoas que teñen que abandonar o seu país ante unha situación de emerxencia. Grazas a este proxecto, a provincia de Lugo “recibirá un investimento de 12M€ para acometer este proxecto, co que se crearán uns 25 postos de traballo directos e uns 45 indirectos”.
O Presidente advertiu en todo caso que o Concello de Castro de Rei, “cun Alcalde do Partido Popular, está poñendo todas as trabas que pode para que non fagamos este centro tan útil e tan necesario”.
Entre outras medidas en materia social de cara ao 2024, o Presidente destacou E Para Vivir… a Provincia de Lugo, un plan de acción con medidas específicas fronte ao reto demográfico, financiado con fondos europeos, para ofrecer un apoio integral ás persoas que decidan trasladarse a vivir a concellos de menos de 5.000 habitantes, e tamén atraer novos habitantes, con axudas ao alugueiro de vivendas; así como favorecer a actividade económica con axudas para o aproveitamento de terras e a diversificación de cultivos.
Mobilidade, o 30% dos recursos
Como “factor clave para o equilibrio territorial e, polo tanto, para fixar poboación”, José Tomé expuxo que a mobilidade é outras das liñas estratéxicas dos Orzamentos 2024 da Deputación. Dedícalle o 30% dos recursos, entre as actuacións na rede viaria provincial e a cooperación cos concellos para a mellora das estradas municipais.
Tendo en conta que a institución provincial lucense ten a rede de estradas provincial máis extensa de toda España, con 4.217 quilómetros, e tres veces maior ca da Xunta na provincia de Lugo, o Presidente avanzou que seguirá “reivindicando a necesidade de racionalizar esta situación” e que a administración autonómica asuma a titularidade de estradas de características claramente autonómicas, como son a estrada de Momán-As Pontes, que conecta as provincias de Lugo e A Coruña, ou o cinto comarcal de Lugo.
Así mesmo, continuará traballando “para conseguir que unha parte dos fondos da Unión Europea se destinen á mellora da mobilidade por estrada”, unha vía que abriu o propio mandatario provincial no seo da Comisión de Deputacións, Consellos Insulares e Cabidos da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
A Deputación, referente en apoio público ao sector primario
Polo que respecta aos sectores produtivos, o Presidente subliñou que a Deputación de Lugo “é hoxe un referente en iniciativas públicas en apoio do sector primario, un motor económico fundamental para a provincia”, destacando de cara ao 2024 a aposta por reforzar as liñas de actividade da Granxa Gayoso Castro, onde funciona o primeiro centro público de recría de gando vacún de leite de España, que chegou este ano ao 100% da súa capacidade, con máis de 2.500 animais, e co que os gandeiros aforran custes na recría e gañan en benestar animal e produtividade; a Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público de Galicia que une formación e investigación universitarias en torno ao sector lácteo para poñelas ao servizo dos gandeiros e gandeiras e onde fan prácticas cada ano 500 alumnos e alumnas de Veterinaria e de Enxeñería Agrónoma; a actividade de recría de Rubia Galega para potenciar e mellorar a raza, cunha media de 120 cabezas ó ano; bestas e cabalos para investigación universitaria; e un rabaño de cachenas.
Así mesmo, José Tomé anunciou avances de cara ao 2024 para a creación dunha nova unidade, destinada a apoiar a recría de Porco Celta, unha sector en expansión, que ten máis demanda que oferta a día de hoxe.
No eido turístico, o Presidente destacou que, “unha vez que non temos atrancos vinculados co Partido Popular”, no próximo ano 2024 arrancarán as obras que restan do Parque Central de Galicia, “un proxecto que contribuirá decididamente ao dinamismo social e económico da Ulloa e do conxunto da provincia”.
A Deputación potenciou o programa Lugo Termal coa suba de investimento e de prazas ofertadas ata as 1.300, “máis das que a propia Xunta de Galicia ofrece para toda a comunidade autónoma co seu programa”; renovará o programa de visitas gratuítas para entidades asociativas Coñece a túa Provincia, no que participaron preto de 8.000 persoas e alcanzou un retorno económico estimado de medio millón de euros dende o seu inicio; e continuará coas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que este ano baterán récord cuns 60.000 viaxeiros.
No ano 2024, seguirá tamén co proxecto Acelera PEMES, gracias aos fondos europeos transferidos polo Goberno do Estado. Unha iniciativa coa que a Deputación xa ofreceu asesoramento gratuíto a unhas 1.300 pequenas e medianas empresas para modernizar e para mellorar o seu negocio coa transformación dixital.
“Outro modelo de xestión é posible, tamén en Galicia”
O Presidente da Deputación de Lugo puxo de manifesto que a institución terá de novo no ano 2024 uns Orzamentos “realistas e útiles para os concellos e para o tecido social e económico da provincia”, cos que “demostramos que é posible outro modelo de xestión e outro Goberno para Galicia. Un Goberno de progreso, de diálogo, aberto e leal, de cogobernanza e de respecto á autonomía dos concellos. Un Goberno que defende os servizos públicos e que aproveita os recursos para crear actividade económica. Un Goberno con novas ideas, con ganas, con proxecto, con ilusión e con esperanza. Un Goberno que, estou convencido, pronto deixará de ser un desexo de moitos, para converterse nunha realidade para todos os galegos e galegas”.