O deputado Luis Bará empraza a PP e PSOE a “poñer o litoral e o mar galego por diante de intereses particulares e partidistas”
Santiago de Compostela, 24 de outubro, 2023. O BNG discrepa da suspensión do TC de 31 artigos da lei galega do litoral e pide diálogo sobre unha norma feita ás présas e só para confrontar. Tras coñecerse a decisión do Constitucional, o viceportavoz do BNG, Luís Bará criticou que Xunta e Goberno central utilicen o litoral e o sector mar industria para “unha confrontación partidista” e neste sentido, fixo un “chamamento ao diálogo” a través da convocatoria urxente da Comisión bilateral de Cooperación.
O BNG, explicou, defende que Galiza conte con todas as competencias en materia de ordenación e xestión do litoral, incluíndo o dominio público marítimo terrestre. Considerou así que a solución para o desencontro entre a Xunta e o Goberno central nesta materia é a que propuxo o BNG: “A aprobación dunha lei de traspaso de competencias polo Parlamento galego co aval de todos os grupos para trasladar esta demanda primeiro ao Congreso e despois ao Goberno do Estado”.
É por iso que o BNG vai rexistrar de novo unha proposición de lei nesta liña, iniciativa que será idéntica á debatida xa o pasado mes de xuño, que o PP rexeitou.
Por outra parte, o deputado denunciou a actitude da Xunta e do PP, “que fixeron todo o posíbel para chegar a esta situación de bloqueo”. Apuntou que realmente o PP non quería as competencias, como demostra o feito de que estivo 12 anos sen reclamalas, nin unha lei en vigor. “O que buscou é a confrontación e a utilización do litoral e do sector do mar para obter réditos partidistas”, engadiu.
Segundo Bará, o Goberno do Estado “entrou ao trapo e asumiu un papel hipercentralista co veto ao núcleo duro da lei”. O nacionalista reiterou o chamamento ao diálogo mediante a convocatoria urxente da comisión bilateral e emprazou a que PP e PSOE “poñan o litoral e o mar galego por diante de intereses particulares e partidistas”.