Patricia Otero critica que o PP galego promulgue a “deslealdade e as mentiras” co resto de administración e non actúen con axilidade no relativo ás súas competencias
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023. A voceira de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, esixiu este martes á Xunta que actúe con celeridade na emisión dos informes preceptivos necesarios para avanzar nas obras de titularidade estatal ou local, para que non volva a ocorrer casos como o da obra da A-54 que estivo bloqueada máis de catro meses.
A deputada socialista presentou unha moción para instar ao goberno galego a que na A-54 e no retos de infraestruturas de competencia estatal actúe coa mesma celeridade que reclama ao goberno central en caso de precisarse autorizacións preceptivas pola súa parte. Así mesmo, na súa moción buscaba que o executivo autonómico acelere a emisión dos informes preceptivos dos que dependen obras doutras administracións. Esta moción foi rexeitada polo pleno da Cámara galega polos votos en contra do Grupo Popular.
A iniciativa presentada pola parlamentaria luguesa vén a propósito, entre outros casos, pola paralización do PXOM de Viveiro pola demora dos informes de Patrimonio ou pola paralización das obras da A-54 pola demora da Xunta á hora de dar unha autorización preceptiva de Augas de Galicia, que foi solicitada en abril deste mesmo ano e finalmente concedida o 30 de agosto, despois de celebrarse as eleccións locais e xerais. Otero cree que estamos ante un “atraso intencionado” coa intención de lograr votos vendendo un agravio a Galicia por parte do goberno central.
Patricia Otero lembrou que durante os anos nos que o PP gobernaba no Estado a bancada popular era “a procesión dos caladiños ante as aldraxes de Rajoy a Galicia”, pero que ao chegar Pedro Sánchez á Moncloa en xuño de 2018 “todo foron présas”.
Acusou aos populares de promulgar “a deslealdade e as mentiras” co resto de administracións que non son da súa cor política. Puxo como exemplo a chegada do AVE, que en primeiro lugar afirma que os populares mentiron cando Feijóo prometeu no 2009 que poría cartos dende a Xunta para que chegara a Lugo e que volveron a faltar á verdade ao cuestionar que finalmente chegara a Galicia esta infraestrutura da man do goberno de Pedro Sánchez.
A deputada asegurou que os populares “piden celeridade, pero non predican co exemplo”, puxo varios exemplos no relativo ás competencias autonómicas, como as obras da autovía da Costa da Morte ou a cesión aos concellos dos terreos portuarios sen uso para esta actividade, aspecto que foi aprobada en diversas ocasións no hemiciclo galego e segue sen levarse a cabo.
Tamén tivo unhas palabras para os populares sobre o futuro cambio de goberno en Galicia da man de José Ramón Gómez Besteiro. Otero dixo que ela “tamén estaría moi nerviosa de estar sentada nesa bancada” (a do PP), como así lembrou que “xa o estiveron no 2016 cando torpedearon a candidatura do socialista”, alegou.