Santiago de Compostela, 18 de outubro do 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá Mondoñedo no día grande de celebración da histórica feira de As San Lucas, “a máis antiga de Galiza e tamén unha das que máis tradición teñen en Europa”.
Pontón aproveitou a ocasión para coñecer máis de preto unha tradición que hai no noso País e tamén para reivindicar o medio rural. “Necesitamos un medio rural vivo, con máis servizos e con máis apoios” declarou, subliñando que “hoxe o que se ve en Mondoñedo é a potencialidade do noso medio rural, a enorme tradición que hai en torno a el e importante apostar por un medio rural vivo para darlle moito máis futuro á xente que vive aquí”.
Na visita estivo acompañada polo deputado no Parlamento galego, Daniel Castro; o deputado provincial, Daniel García; a alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Ana Ermida; o portavoz municipal do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas; e concelleiros e concelleiras do Bloque na vila.