JUANMA: ‘A VITORIA DÁ CONFIANZA PARA ALCANZAR O XOGO BONITO’
Tras o triunfo ante o Fuconsa Jaén (2-1), dous de dous en Vista Alegre, un dos baluartes laranxas, Juanma, albisca con optimismo a oitava tempada en Prata do Burela FS. Para o capitán o importante nos primeiros pasos de 2010-11 é “traballar para sacar os máximos puntos posibles”. “A vitoria tamén dá a confianza para alcanzar un xogo que, ademais de garantir os resultados, chegue a ser bonito en espectáculo” asegurou o ala-pivote mariñán.
As sensacións do alfocego son positivas “aínda que é moi cedo para poñer metas concretas á traxectoria ligueira do equipo en 2010-11”. “Ata o oitavo ou noveno encontro non poderemos nin facer análises nin cuestionar expectativas” dixo Juanma, que incidiu no paralelismo de resultados co inicio de 2009-10 e na escasa profundidade do vestiario laranxa: “Levamos dúas vitorias e unha derrota, coma no comezo da campaña pasada, a pesar de non estar ao cento por cento, non só por ter un cadro reducido senón tamén pola lesión de Víctor Cachón, nestes momentos; eu mesmo aínda arrastro certas molestias do problema isquiotibial que me mantivo apartado boa parte da pretempada”.
No que respecta á súa vindeira cita, en terras pirenaicas, o capitán laranxa vaticina un duelo de altura. “Xunto a Puertollano, Navarra, Valencia e incluso Gáldar, a de Andorra é unha das canchas máis difíciles da categoría. Para min é un dos candidatos a loitar entre os cinco primeiros; o empate ante o Puertollano (4-4) é un claro reflexo do seu potencial” asegurou Juanma, que tamén destacou o comezo dubitativo do rival como unha vantaxe para os burelistas: “Despois da xornada de descanso e da derrota ante o Navarra (6-4), o Andorra precisa gañar e nós imos xogar coa súa necesidade por puntuar; o seu nerviosismo pode desencadear en descoidos e erros” concluíu o mariñán.