María Loureiro e Iria Cotelo lembraron no pleno que o concello pediu en 2021, 2022 e 2023 tres subvencións por importes duns 33.800 euros, 33.800 euros e 58.800 euros respectivamente, sendo todas elas rexeitadas
Viveiro, 5 de outubro de 2022. O pleno do Concello de Viveiro aprobou onte unha moción presentada no pleno polo PP para solicitar melloras na praza de Abastos da vila. Porén, o equipo de goberno considera “necesario aclarar certas cousas con respecto ao contido da moción”.
A alcaldesa, María Loureiro, aclara que o sentido do seu voto foi favorable porque dende o Concello consideran “que todo o que supoña un beneficio ou mellora para a Praza de Abastos é positivo”.
A concelleira de Comercio, Iria Cotelo, manifestou pola súa parte que “o que sorprende é que durante anos non houbo tanta expectación nin tanto malestar público pola praza, e agora en dous meses, a pesar de que visitei a praza, que manteño contacto telefónico coas praceiras, que foron atendidas cando así o solicitaron, que se está a traballar para modificar as bases para os novos postos… atópome cun boom mediático deste tema; estase a traballar, e o que se precisa é tempo, porque o que hai que facer na praza non se consegue en dous meses”.
En todo caso, o equipo de goberno lembra que a Xunta de Galicia, gobernada polo PP, rexeitou outorgar a Viveiro diversas subvencións solicitadas previamente polo Goberno local para mellorar a praza.
Loureiro e Cotelo apuntan que o Concello pediu en 2021, 2022 e 2023 tres subvencións por importes duns 33.800, 33.800 e 58.800 euros, respectivamente, sendo todas elas rexeitadas. As peticións destas axudas foron inadmitidas alegando esgotamento de crédito.
Ao respecto disto, a alcaldesa sinala que, “por exemplo, en 2021 a resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia o venres 10 de setembro e o prazo para presentar as solicitudes empezaba ás 00:00 horas do sábado 11 de setembro, esgotándose o crédito ese mesmo día ás 00:21 horas”.
“De xeito semellante aconteceu nas dúas convocatorias posteriores, nas que o prazo para a presentación se abriu ao día seguinte da convocatoria e o crédito se esgotou en ambos casos en menos de 1 hora”, afirma Loureiro. Esta rapidez en esgotarse o crédito imposibilitou que Viveiro puidese acceder ás axudas.
A alcaldesa destaca tamén que “o Concello xa realiza un seguimento das axudas que se convocan por parte das distintas administracións, valorando, en cada caso, a súa solicitude”, en referencia ás acusacións realizadas na moción do PP.
O goberno municipal concluíu destacando que “o Concello convocou en 2021 un procedemento aberto para a concesión de catro postos, quedando desertos dous deles”. “En novembro dese mesmo ano, volveuse a convocar un novo concurso e os locais referidos quedaron novamente desertos”, en referencia á queixa dos populares sobre a porcentaxe de postos ocupados do espazo.
Con intención de resolver esta problemática de postos vacantes, Iria Cotelo afirma que “as bases de licitación serán modificadas ampliando a diversidade dos produtos. Que poda haber unha floristería, por exemplo, agardando así que aumente o número de persoas interesadas na subasta”.