Foz, 30 de setembro de 2023. O Concello de Foz homenaxeou a Antonio Seijas Díaz, veciño de San Acisclo que acaba de cumprir 100 anos, concretamente o 23 de setembro. É o oitavo centenario do municipio, dos que 6 son mulleres.
O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais e Benestar, Ana Rojo, visitárono na súa casa e entregáronlle un agasallo do Concello. Tamén participaron no acto representantes da asociación de veciños de San Acisclo, que obsequiaron a Antonio Seijas con outro regalo “a modo de recoñecemento e respecto de todos os seus veciños”, explicou Ana Rojo.
A concelleira de Servizos Sociais tamén comentou: “acompañado pola súa familia -fillas, xenro, netas e bisnetos- o señor Antonio ou Toño, como lle chaman os coñecidos, estaba pletórico de enerxía. Home afable onde os haxa, sorprendeunos gratamente o comunicativo que é, cunha mente lúcida e unha memoria envexable, acordou dúas guerras, contounos unha chea de anécdotas de cando traballou de capataz de camiños para o Concello de Foz pola parroquia de San Acisclo, nuns tempos difíciles marcados pola ditadura franquista. Recordaba que daquela era obrigatorio traballar 15 días ó ano para o Concello, senón pola contra había que pagar un pecunio. Mercou 12 vacas de leite e comentábanos que fora a mellor época da súa vida, dado que puido mercar leiras e a finca onde ten a casa. Comentaba que traballara moito para saír adiante, pero ao mesmo tempo agradecía que ao fin o resultado fora satisfactorio. Son a xeración máis sacrificada e a máis resiliente, e por ende a máis comprensiva, admitindo sen complexos uns tempos de fame e miseria, na dureza dun medio hostil no que había que traballar arreo dende ben rapaciños. Sobreviventes forxados no sacrificio, na renuncia e na aceptación do vivido, pero tentando sempre que as circunstancias trocaran a unha situación mellor. Un exemplo a seguir, baluartes e historia viva dos que debemos aprender cada día, amósannos a mellor lección, a que non se aprende nas escolas: a da experiencia, da sabedoría; en definitiva, a da vida; a dos valores que recibiron: respecto, tolerancia, superación e comprensión cara aos demais. Sen o seu esforzo non sería posible parte do que disfrutamos agora. Feliz aniversario, señor Antonio! Acollémonos a ese firme compromiso a modo de invitación, con apertón de mans incluído, que para o ano que vén volveremos a tomar café e un anaco de esa torta tan doce que fixo a súa filla Carmucha, na mellor compaña, a súa”.