Lamentou “o cinismo e a dobre vara de medir” dos representantes do PP e convidounos a reclamar “con tanta vehemencia” outras infraestruturas “esquecidas” pola Xunta como a VAC Costa Norte
Lugo, 29 de setembro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, salientou hoxe os últimos avances na obra de reparación da N-642, en Foz, na que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana inviste 2,6 millóns de euros. “O Mitma vén de executar o novo sistema de drenaxe baixo a vía para, a continuación, iniciar os traballos de reconstrución do terraplén e poñer en servizo, canto antes, a infraestrutura”, avanzou Isabel Rodríguez, quen insistiu que para o Goberno é unha prioridade restablecer esta vía de comunicación fundamental para a comarca da Mariña. Neste senso, destacou que para esta actuación están a participar unha vintena de traballadores e outras tantas máquinas, “poñendo todos os recursos humanos e económicos necesarios para esta obra”.
Así mesmo, a subdelegada do Goberno lamentou “o cinismo e a dobre vara de medir” dos representantes do PP e convidounos a reclamar “con tanta vehemencia” outras infraestruturas “esquecidas” pola Xunta. Deste xeito, censuro que a VAC Costa Norte leve parada 14 anos, unha obra fundamental para a vertebración da comarca, e instou ao Partido Popular a demandar “coa mesma implicación” esta infraestrutura á Xunta de Galicia. “Os mariñáns levamos moito tempo agardando por esta vía de comunicación vital para o desenvolvemento do noso territorio”, rematou.