Burela, 29 de setembro de 2023. O Concello de Burela aprobou en pleno o seu Plan de Infancia e Adolescencia, un documento necesario para solicitar a Unicef o recoñecemento como cidade Amiga da Infancia. Crearase ademais un Consello Local da Infancia.
“Temos unha sensación agridoce con respecto ao plan: estamos moi contentos de aprobalo, pero gustaríanos ter contado co apoio unánime da corporación; da a impresión de que a oposición do Partido Popular atopa excusas en calquer asunto para ir contra o goberno e poñer obstáculos á nosa xestión”, asegura Mario Pillado, tenente de alcaldesa, que lamenta que o PP “esté máis pendente de entorpecer que de defender os intereses da veciñanza”.
Por outra parte, as coidadoras do comedor terán axustado o seu salario á estrutura retributiva que marca o convenio colectivo do persoal municipal, grazas a oito votos a favor (apoio de Son Burela) e a pesares do intento de impugnación por parte do Partido Popular, que insistía na falta de documentación no expediente para adoptar o acordo, en contra do criterio dos técnicos municipais.
“Temos unha oposición centrada en atacar, pretendendo afianzar unha imaxe autoritaria da alcaldesa cun equipo de goberno ao que intentan desacreditar desde o primeiro día, en lugar de centrarse en traballar de maneira construtiva por Burela. É unha pena que dous asuntos deste calado, un Plan de Infancia e a mellora das condicións de traballadoras municipais, non conten cun respaldo plenario unánime”, afirma a alcaldesa, Carmela López.
“Nós si votamos a favor da moción do PP na que solicita que o goberno central remate os traballos nos accesos a Burela, á que o BNG engadiu a petición das infraestruturas pendentes coa Mariña por parte do Estado e da Xunta, como a autovía e a variante. E votamos a favor porque para nós o primeiro é Burela”, engade López.