CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asina hoxe ás 11.30 horas na sede da Deputación de Lugo un convenio de colaboración por valor de 24.000 euros co ente provincial que posibilitará a pavimentación de catro pistas da zona rural deste termo municipal.
As actuacións incluídas no mencionado convenio abranguen a mellora das pistas nos lugares de O Amido (Trasbar), Cabanela (Trasbar), Casal do Faido (Trasbar) e Augas Santas (Rúa) mediante o das fochas con dobre capa de rego asfáltico a base de gravillón e zahorra; ademais da construción de taxeas.
O alcalde cervense valorou positivamente este acordo entre Concello e Deputación, e recordou que o mesmo se encadra dentro dunha serie de propostas feitas polo Concello de Cervo có obxectivo de mellorar as infraestruturas do termo municipal. “Sempre é de agradecer a colaboración doutras administracións para solucionar as deficiencias existentes no noso concello en materia de infraestruturas” indicou. Así mesmo, botou en falta un maior grado de implicación por parte dos responsables provinciais en temas coma os das estradas cervenses de competencia provincial. “A Deputación ten moito que dicir, posto que unha boa parte das estradas do rural cervense son da súa titularidade e confiamos que dunha vez por todas asuman as súas responsabilidades e dean unha solución ás deficiencias en estradas coma a de San Román a Rúa” sinalou Villares”.
Para levar adiante esta actuación a Deputación aportará 15.000 euros; mentres que os 9.000 euros restantes serán sufragados con cargo ás arcas municipais. Unha vez firmado, as obras poderán saír a concurso en breve.