Viveiro, 26 de setembro de 2023. O Concello de Viveiro anunciou hoxe a dixitalización de máis de 80 quilómetros de rutas de sendeirismo e paseos, dentro do programa ‘Descubre Viveiro’, para impulsar o turismo sostible e de natureza.
A presentación das rutas correu a cargo da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; a concelleira de Turismo, Marisol Rey, e Horacio Albo, de EI Estudio de Comunicación.
“Desta maneira, foméntase un turismo desestacionalizado e respectuoso cos nosos numerosos recursos naturais, o Souto da Retorta, a ruta dos Muíños de Balea, a subida aos nosos montes máis importantes, San Roque, Castelo, Penedo do Galo, o paseo fluvial, o paseo marítimo e moitos máis, evitando deste modo as masificacións nun so lugar”, explicou a alcaldesa de Viveiro.
Marisol Rey engadiu que “os visitantes poden consultar virtualmente as rutas para escoller a que máis lle interese a través de vídeos dos percorridos, galerías de fotos, tracks, catalogación das rutas co sistema M.I.D.E., perfís, etc”.
Ademais, toda esta información tamén está dispoñible de maneira offline nos folletos de ‘Descubre Viveiro’, que a través de códigos QR leva ao contido online.
“Todas as nosas rutas están dispoñibles na plataforma Wikiloc para poder ser seguidas de maneira gratuíta cun móbil ou reloxo intelixente, sendo Viveiro o primeiro concello da provincia de Lugo cunha conta ORG desta plataforma, que actualmente conta con máis de 13 millóns de usuarios”, apuntou María Loureiro.
Con esta nova campaña, o Concello de Viveiro consigue proporcionar unha experiencia segura e satisfactoria a todos os visitantes.
Balance
O Concello de Viveiro fai un balance moi satisfactorio do primeiro ano de actividade do proxecto ‘Descubre Viveiro’, unha ambiciosa campaña de comunicación turística que completa a promoción que se está levando a cabo durante estes últimos anos.
Para a alcaldesa de Viveiro, “é primordial a adaptación ao mundo dixital para unha promoción turística eficiente. Abrimos canales novos en Instagram, TikTok, Wikiloc e Youtube, que nos posicionan para chegar aos diferentes targets aos que nos diriximos”.
Os canais obtiveron nesta primeira etapa do proxecto 1.869.000 visualizacións; 1.513.000 persoas alcanzadas; 9.037 novos seguidores e 16.534 ‘likes’.