O Pleno, a proposta do grupo socialista e cos votos en contra do PP, acordou demandar ao Executivo galego que vele pola continuidade do servizo, en perigo nos concellos de Láncara, Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, O Incio, Portomarín, Antas de Ulla, A Pontenova e Begonte
Lugo, 26 de setembro de 2023. A Deputación de Lugo esixirá á Xunta de Galicia que garanta a atención sanitaria dos veciños e as veciñas da provincia ante a xubilación inminente de máis de 20 médicos que prestan servizo nos centros de saúde dos concellos de Láncara, Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, O Incio, Portomarín, Antas de Ulla, A Pontenova e Begonte. Así se acordou este martes no Pleno provincial tras unha proposta do grupo socialista, que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e cos votos en contra do PP. Unha sesión á que asistiron Alcaldes, concelleiros e concelleiras das localidades afectadas.
A Voceira socialista, Pilar García Porto, sinalou durante a súa intervención que segundo os datos da propia Consellería, o 24,5% dos médicos colexiados teñen 65 anos ou máis, e outro 26% sitúase na franxa dos 55-64 anos. “Como lle pasa aos malos alumnos, o inicio do curso pilla á Xunta con materias suspensas, deberes pendentes e sen metodoloxía de traballo para o novo curso político. A situación da sanidade pública na provincia é, por desgracia, un exemplo de como a mala xestión do Sergas a pagan os lucenses e as lucenses co deterioro dos servizos públicos”, lamentou.
“Custa entender como en pleno século XXI un goberno que presume de xestión poida deixar sen atención médica a unha parte tan importante do territorio e da veciñanza”, denunciou García Porto, ao tempo que lembrou que en outubro de 2022, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, dicía que non podía haber un pediatra en cada localidade, “e agora o Sergas vai camiño de ampliar ese despropósito suxerindo que non poderá haber médico en cada centro de saúde”. Un exemplo máis, argumentaba García Porto, do “desprezo do PP cara a poboación do rural, onde os veciños e veciñas teñen todas as obrigas propias da súa condición de cidadáns, pero, de feito, non teñen os mesmos dereitos, porque non teñen dereito ó acceso aos servizos públicos que pagan cos seus impostos”.
A Corporación provincial demandará tamén á Xunta que se restitúan os cadros de persoal previstos para cada centro de saúde, recuperando as prazas que foron desaparecendo por mor das políticas de recortes do Partido Popular; que estableza modelos de carreira profesional que aseguren a carga de traballo axeitada aos profesionais, eliminando os cupos excesivos de doentes, a non cobertura de baixas ou vacacións, e a temporalidade.
Maior participación dos concellos nos ingresos do canon eólico
A institución provincial reclamará tamén á Administración autonómica que modifique o modelo de tributación do canon eólico, pasando a fixalo por potencia en lugar de por muíño; que defina a participación dos concellos costeiros nos beneficios da eólica mariña; e que estableza que a recadación íntegra do actual canon eólico e do futuro canon da eólica mariña se destine a melloras nos concellos e nas comunidades locais afectadas pola instalación dos parques. Así o aprobou o Pleno, tras outra proposta do grupo socialista que saíu adiante cos votos favorables do PSdeG e do BNG, e do voto en contra do PP.
“Os concellos acollen o impacto das obras e neles aséntanse as infraestruturas que fan posible o aproveitamento das enerxías limpas”, explicou García Porto, ao tempo que denunciou que precisamente as entidades locais “seguen a ser as grandes esquecidas no desenvolvemento do sector”, recibindo “un mal pago da Xunta”.
A Voceira socialista recalcou que segundo os datos do Consello Económico e Social, o Goberno galego recada de media uns 22M€ anuais polo concepto do canon eólico; e que no ano 2021 puxo a disposición dos concellos 6M€, apenas un 27% do recadado; “no caso dos concellos da provincia, a cantidade percibida apenas é de 2,6M€, un 11% da recadación total da Xunta”.
Revisión de tarifas do Centro de Recría público da Granxa Gayoso
A Corporación aprobou tamén a revisión das tarifas do Centro de Recría que a Deputación ten en marcha na Granxa Gayoso Castro, “fundamental” para a viabilidade deste servizo público, unha vez que está ao 100% da súa capacidade e tendo en conta a subida dos prezos dos alimentos e dos materiais para o coidado animal debido ás consecuencias económicas da invasión de Ucraína e da seca. Esta medida suporá para os gandeiros e as gandeiras da provincia 0,78 céntimos máis ao día por animal, ata os 3,33€.
Argumentou o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, que se trata dunha revisión “xustificada e necesaria” para garantir a viabilidade da Granxa Gayoso, que dá servizo a 63 gandeiros e gandeiras da provincia e que alimenta a un total de 2.580 cabezas de gando, que consumen un total de 7,5 toneladas de alimento ao día. Explicou que no contrato coa empresa que presta o servizo na Granxa hai contemplada unha revisión de prezos cada dous anos e que os informes técnicos da Deputación son favorables a esta revisión: “é o legal, o que procede, e actuar doutro xeito é asfixiar á concesionaria e abocar ao peche da granxa”.
Lembrou Cajoto que, incluso coa revisión aplicada, os gandeiros e gandeiras da Granxa pagan menos que nun centro privado e que reciben máis e mellores servizos, porque entre os incluídos no prezo está tamén o transporte ou a inseminación dos animais. Ademais, recalcou a importancia doutras vantaxes para os usuarios e usuarias deste centro como a proximidade, grazas a súa situación en Castro de Ribeiras de Lea.
O Deputado puxo en valor este servizo “de excelencia”, que demostra cunha ocupación do 100% que é “un éxito rotundo” e que xa é “unha referencia en toda España”. Lamentou que “a Xunta de Galicia non aporta nin aportou un só céntimo para este proxecto pioneiro, nin para a súa construción nin para o seu funcionamento” e que tampouco ofreceu axudas para paliar os efectos da guerra de Ucraína, “o que demostra que á Xunta non lle importa nada nin o rural, nin o sector primario”.
A Deputación de Lugo, á cabeza en execución dos Orzamentos
O Pleno aprobou a Conta Xeral da Deputación de Lugo correspondente ao ano 2022, cumprindo así cos prazos legalmente establecidos, que determinan a obriga de presentar ante o Consello Xeral de Contas antes do día 1 de outubro este expediente. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, destacou que o gasto comprometido acadou no ano 2022 un 86,3%, consolidando á Deputación de Lugo como unha das administracións locais de España con maior grado de execución orzamentaria. “Uns datos positivos, síntoma do rigor e da transparencia desta institución para ser o máis útiles posibles para os concellos e a veciñanza da provincia”, valorou a Deputada.
Asesoramento aos concellos en xestión de fondos europeos
Na sesión plenaria celebrada este martes acordouse por unanimidade a adhesión da Deputación ao servizo de asistencia técnica e dinamización para a participación e xestión dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia por parte de Tragsatec –a empresa pública de Tecnoloxías e Servizos Agrarios que forma parte do grupo Tragsa-, un asesoramento do que poderán beneficiarse os concellos da provincia.