O conselleiro salienta que as accións en marcha estudan distintas cuestións de especies como o ourizo de mar, a ostra plana, as macroalgas, o berberecho, a produción de fitoplancto ou o seguimento das toxinas emerxentes, entre outras
Ribadeo, 20 de setembro de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, dependente do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), para coñecer as liñas de investigación nas que están a traballar os profesionais destas instalacións da Consellería do Mar. O representante do Executivo galego aproveitou para poñer en valor a importancia do coñecemento exhaustivo do estado dos recursos mariños e de avanzar neste eido para optimizar a súa xestión.
Nesta liña, o titular de Mar eloxiou o labor que realizan os investigadores tanto do centro de Ribadeo como da súa matriz -o CIMA de Corón, en Vilanova de Arousa- para coñecer mellor tanto a situación de distintas especies de interese para o sector marítimo-pesqueiro como as posibilidades de cultivo en criadeiro dalgunhas delas como a navalla, o ourizo, ou distintos tipos de ameixa ou a cadelucha.
Alfonso Villares, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que no último lustro saíron das instalacións do CIMA máis de 12 millóns de unidades de semente de moluscos bivalvos que foron entregadas ao sector pesqueiro galego para contribuír á repoboación dos bancos naturais.
O conselleiro salientou que as instalacións do CIMA participan en arredor dunha quincena de investigacións cun orzamento total que supera os 600.000 euros das que media ducia corresponden a proxectos aprobados no marco da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos da comunidade autónoma (Redemar), unha iniciativa pioneira na que colaboran outros centros investigadores e entidades do sector.
Entre esas accións atópanse distintas relacionadas co ourizo de mar, a ostra plana, as macroalgas ou co estudo do estado dos bancos naturais en distintas rías. Ás accións desenvolvidas baixo o paraugas de Redemar engádense outras financiadas pola Consellería como as relacionadas coa presenza do parasito marteilia nas poboacións de berberecho, a produción de fitoplancto, o seguimento das toxinas emerxentes ou o estudo do comportamento dos exemplares de ameixa babosa e navalla producidos en criadeiro ao ser trasladados ao medio natural.
O titular de Mar asegurou que avanzar no coñecemento do estado dos distintos recursos é fundamental para xestionalos ben e favorecer a mellora das súas poboacións. Neste sentido, incidiu en que non hai mellores decisións que as tomadas con datos serios e rigorosos que as avalen, un xeito de traballar que sempre caracterizou ao Executivo galego e vai seguir sendo un dos seus sinais de identidade.
O CIMA
O Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo pertence ao Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón, un organismo científico que estuda distintos recursos mariños da comunidade e asesora á Administración pesqueira galega sobre as medidas máis oportunas para a súa boa xestión. Ao mesmo tempo realiza un importante labor na formación de novos investigadores e técnicos de laboratorio mediante a convocatoria de distintas bolsas para ampliar os seus coñecementos.
As liñas de investigación do CIMA son múltiples e van desde aspectos como os procesos oceanográficos costeiros ata a bioloxía, ecoloxía e dinámica das poboacións mariñas, a mellora dos procedementos de cultivo de distintas especies de interese comercial ou o estudo de alteracións patolóxicas que afectan aos moluscos bivalvos.
O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración positiva da primeira visita cursada a Ribadeo polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares
O rexedor manifestou: “desde o Concello facemos unha valoración positiva da primeira visita que fixo o conselleiro do Mar a Ribadeo. Estivo no centro de cultivos mariños, un centro de investigación clave para o sector e de inmensa importancia para Ribadeo”.
Vega subliñou que “este centro é referencia en Galicia, pero tamén no conxunto do mapa español, polo que debemos poñer en valor un centro de investigación que significa moito para o sector. Desde o Concello imos seguir colaborando, xa temos proxectos, imos reunirnos co centro de investigacións e creo que debemos traballar conxuntamente no tocante ao relevo xeracional e en garantir formación para o sector”.
O alcalde avogou pola colaboración mutua entre administracións: “debemos darlle as grazas á Consellería do Mar por esta colaboración mutua e permanente. Desde o Concello xa tivemos unha breve reunión co conselleiro e dixémoslle que detectamos certas inversións que son fundamentais no porto e a gran inversión que é o dragado da ría. Ese dragado afecta á zona portuaria deportiva, ao sector pesqueiro e é fundamental para a empresa do porto de Mirasol”.
Daniel Vega considera que “seguiremos nesa colaboración permanente. Nos sempre o dixemos que o Concello debe estar en permanente xestión, abrir ás portas á inversión e esa colaboración coas distintas administracións”.