Foz, 14 de setembro de 2023. O Concello de Foz continúa coa recomendación de non inxerir auga da traída municipal pero a saída da potabilizadora xa mostra valores baixos de trihalometanos.
A alcaldesa en funcións, Inés López Couto, informa que despois dos traballos realizados os resultados das mostras tomadas este martes á saída da ETAP de Fazouro confirmaron que a auga potabilizada nas instalacións cumpre con todos os parámetros de calidade marcados na normativa. “As mostras de auga tomadas á saída da potabilizadora este martes mostran uns valores de trihalometanos por debaixo dos 20 µg/l cando o límite é de 100. Sen embargo os resultados das mostras tomadas en distintos puntos da rede aínda superan ese límite. Podemos ver que a evolución respecto das anteriores mostras é moi favorable, polo que agardamos que unha vez se renove a auga na rede de distribución todos os valores serán correctos. Con esta tendencia, falamos máis de días que de semanas”, explica a rexedora.
Ademais da substitución dos filtros de area por unha arlita especial, que supón unha inversión de máis de 53.000 euros e que xa está en fabricación, da intensificación das tarefas de mantemento na rede de distribución e da modelización do potencial de xeración de trihalometanos no sistema que está en proceso, a vindeira semana comezarán a implantarse as seguintes actuacións de mellora:
Mellora na regulación do caudal de entrada de auga bruta á potabilizadora.
Nova automatización da dosificación de reactivos na planta potabilizadora.
Medición en continuo de parámetros de calidade da auga na planta de tratamento.
Medición en continuo de parámetros de calidade da auga nos depósitos de cabeceira de Fazouro e automatización da dosificación de reactivos no depósito.
“Pedimos de novo desculpas polas molestias. Estamos a traballar de forma moi intensa para solucionar un problema que se alarga demasiado no tempo”, remata Inés López.