Foz, 2 de setembro de 2023. “Non hai motivos reais diferentes aos explicados polo goberno municipal en canto aos problemas coa potabilización da auga en Foz; o real é querer enredar co tema confundindo aos veciños”, explica a segunda tenente de alcalde do Concello de Foz, Inés López Couto. “Entendemos que o PP queira fiscalizar o traballo do goberno, pero a día de hoxe non solicitou nin unha reunión para informarse con técnicos municipais ou da concesionaria e tampouco temos constancia da solicitude do pleno extraordinario que di na prensa”, continúa manifestando.
Inés López Couto engade que “o tema do abastecemento de auga é algo moi serio como para xogar con comisións de investigación, sendo un asunto técnico a tratar por expertos na materia, para os cales o Concello está en estreito contacto tanto cos técnicos municipais (internos e externos) coma coa Consellería de Sanidade” e aclara que “os trihalometanos, non halometanos, como di o Sr. Castiñeira, están sendo analizados cada dous días por laboratorios especializados e estanse realizando os tratamentos correspondentes por parte da empresa que presta o servizo de abastecemento, comunicando os cambios relevantes para a poboación cando se producen, de forma seria e transparente, ademais do envío de información puntualmente á consellería”.
López Couto manifesta tamén que “denota unha total falta de interese no tema o envío de mensaxes erróneas, mesturándose a potabilización (que se realiza despois da captación da auga, e o problema actual) coa distribución da mesma, para a que Foz, por certo, non ten tan boas infraestruturas” e pormenoriza: “construíronse depósitos en alta (na anterior etapa de goberno socialista) mais as tuberías polas que segue a distribuírse a auga na súa meirande parte son de chumbo ou fibrocemento, como na Avenida da Mariña, na que se realizou unha inversión ruinosa para o municipio. O goberno continúa mellorando tubaxes en todas as obras que realiza, como foi na rúa Costa do Castro (cambiando tamén a tubaxe do depósito principal de Foz), así como na obra en curso das rúas Salvador de Madariaga, Irmandiños e Curros Enríquez, ou na obra realizada o ano pasado en Eduardo Pondal; obras que se continuarán a realizar neste mandato”.
“O máis importante é que se solucione este problema o máis rápido posible, para o que se realizarán os axustes e traballos necesarios coa maior das seriedades como se leva facendo ata agora”, finaliza a segunda tenente de alcalde.