A Agrupación Socialista da Pontenova alerta de que é “insostible esta situación” porque a lista de espera para unha consulta, independentemente da gravidade, é a día de hoxe de 20 días e de 22 para receitas
A Pontenova, 1 de setembro de 2023. A Agrupación Socialista da Pontenova denuncia a situación “insostible” pola que pasa a atención sanitaria no municipio, onde 1 só facultativo atende dende mediados do mes de agosto a toda a poboación, que ascende a máis de 2.100 persoas.
“Esta situación é moi grave, se hoxe mesmo pedimos cita para calquera consulta no noso Centro de Saúde, independentemente de para que sexa, non hai ocos libres ata o 20 de setembro”, indican, ao tempo que detallan que se a cita é para receitas, “non te atenden ata o 22 de setembro, e hai moitos veciños e veciñas que precisan a medicación, e sen receita na farmacia non che poden dar as menciñas”.
Ante isto, moitos pacientes vense na obriga de ter que acudir ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Meira para poder ser atendidos das doenzas que padecen, pois “non poden esperar tantos días a que os vexa un facultativo no noso Centro de Saúde, estamos falando de case un mes”. Pero o PAC de Meira tamén presenta problemas de falta de persoal, pois “se o doutor que está de garda ten que ir a un domicilio, pode tardar ata 3 horas en volver, hai que ter en conta que este PAC dá servizo aos concellos da Pastoriza, Riotorto, A Pontenova, Ribeira de Piquín e Pol, e hai que engadir que temos un forte compoñente de avellentamento da poboación, que precisa de máis atencións”.
Os socialistas advirten de que neste ambulatorio había tres prazas de médico asignadas, pero dende hai un tempo só están ocupadas dúas e non se cobren nin baixas nin vacacións. “Esta situación que vivimos agora é derivada de non cubrir as vacacións do persoal, un feito que é totalmente previsible, é inxustificable que teñamos que vivir esta situación”.
No Centro de Saúde da Pontenova tampouco hai pediatra, “os nosos nenos e nenas teñen que ir a Meira onde un facultativo atende 3 días á semana e os outros 2 días atende na Pastoriza, ao ser compartido con outros municipios non hai cita na mesma semana, polo que hai que levalos ou ao PAC, ao Centro de Saúde ou a Urxencias do HULA se están enfermos”.
O Alcalde da Pontenova, Darío Campos, xa lle trasladou en varias ocasións ao xerente da área sanitaria a grave situación pola que pasa o Centro de Saúde do municipio, pero non houbo ningunha acción que se puxera en marcha para reverter a falta de persoal e indicóuselle que non tiñan suficiente persoal para cubrir o servizo.