O deputado mariñán José Manuel Balseiro visitou o areal acompañado do alcalde da localidade, Jesús Novo Martínez
O Vicedo, 31 de agosto de 2023. O deputado do Grupo Parlamentario Popular e voceiro de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que se insta ao Goberno de España, máis en concreto á demarcación de Costas do Estado, a levar a cabo a rexeneración da praia de Fomento, no municipio lucense de O Vicedo.
O obxectivo desta iniciativa é o de recuperar a calidade deste areal natural en coherencia con actuacións similares que a Administración central, competente nese espazo, executa noutros puntos da costa lucense. Na súa proposta, o Grupo Popular advirten que esta praia, moi próxima ao núcleo urbano, situada entre o porto e antigo varadoiro, presenta na actualidade un estado de conservación “deficiente”, motivado polas propias dinámicas naturais e pola presenza de moitas algas que cobren a práctica totalidade do ano a zona do areal e a zona de baño, “sen que a normativa vixente permita a súa retirada”.
COMPROBACIÓN SOBRE O TERREO
Balseiro comprobou sobre o terreo a situación deste areal e a potencialidade da súa mellora, acompañado do alcalde de O Vicedo, Jesús Novo Martínez. Ambos coinciden en sinalar que sería moi conveniente que se destinen os recursos necesarios para acometer este proxecto que tecnicamente é viable, segundo apuntan os expertos, cunha actuación de rexeneración que implicaría a achega de novas cantidades de area.
O deputado popular sinala tamén que a iniciativa serviría como complemento do proxecto impulsado desde o propio Goberno local para construír un paseo marítimo que unirá o antigo varadoiro e os Castelos co paseo xa existente de Moledos, “contribuíndo a mellorar, poñer en valor e dignificar este enclave”.
Balseiro lembra que o municipio de O Vicedo, na costa occidental da Mariña lucense, é moi coñecido polo popular itinerario de pasarelas de O Fuciño do Porco, pero tamén por atesourar algunhas das praias máis bonitas de Galicia. “Falamos de reputadísimos areais como os de Abrela, Xilloi, Caolín ou O Vidrieiro, de gran calidade; ou Area Grande recoñecido polos surfistas; e a praia de Arealonga, na desembocadura do río Sor e da ría do Barqueiro, aos que agora podería sumarse a praia de Fomento, de acadar a súa rexeneración”, concretou.