A promoción inclúe tamén a difusión dun folleto de receitas dos establecementos hostaleiros de Mondoñedo
Mondoñedo, 24 de agosto de 2023. O Concello de Mondoñedo, dentro da súa aposta polos proxectos que poñan en valor o territorio e os recursos locais, apoia a promoción do selo Faba Verdina de Galicia dentro do stand ‘E… para comer, Lugo’ da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería, e Turismo de Lugo (APEHL) que ofrecerá degustacións e outras actividades de promoción dos produtos na saída de cada unha das 21 etapas de La Vuelta ciclista a España.
O goberno local subliña a súa satisfacción ante “a primeira vez que este selo de garantía de orixe dos produtos da Asociación de Produtores de Verdina de Galicia -integrado por produtores de Mondoñedo, Trabada e Lourenzá- aposta por unha promoción a nivel nacional”. Así mesmo, consideran que “é unha excelente ocasión non só para promocionar a compra deste produto de calidade, senón tamén para difundir o seu potencial gastronómico”.
As accións de promoción inclúen a difusión dun folleto de receitas propostas polos establecementos hostaleiros mindonienses coa faba verdina como protagonista e, por suposto, a súa degustación. Para iso, un dos produtores e integrante da Asociación de Produtores de Verdina de Galicia, Alfonso Cartoy, doará o produto e os cociñeiros elaborarán aperitivos que serán degustados antes da saída de cada etapa.
Cartoy sinala que é “unha oportunidade para darse a coñecer no mercado” e tamén para que “os cociñeiros coñezan de primeira man a calidade do noso produto”. Nese sentido, defende que “a faba verdina de Galicia é pouco coñecida, pero o noso produto é bo”.