A competición terá lugar o sábado 19 e o domingo 20 de agosto, con 3.000€ en metálico en premios a repartir entre as dúas categorías, masculina e feminina
Viveiro, 18 de agosto de 2023. O Concello de Viveiro acolle esta fin de semana unha nova edición do seu torneo 3×3 Urbanbasket Viveiro. Haberá dúas categorías, masculina e feminina, cun total de 3.000€ en metálico en premios.
A 16ª edición do torneo de baloncesto urbano 3×3 celebrarase o sábado 19 e o domingo 20 de agosto. Os premios serán de 1.000€ para o equipo gañador e 500€ para o subcampeón en ambas categorías.
Ademais, tamén haberá premios adicionais para os gañadores ou gañadoras dos concursos de triplas, 2 ball, e para o MVP ou Xogador Máis Valioso do torneo.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou “a consolidación e a importancia deste evento dentro da estratexia do Concello para seguir potenciando o deporte entre a veciñanza”.