Recalará entre os días 16 e 20 de agosto en Xove, Viveiro, O Vicedo e Cervo ofrecendo degustacións gratuítas de petiscos con produtos do mar
Lugo, 14 de agosto de 2023. A campaña GALICIA SABE AMAR da Xunta de Galicia recala na Mariña nunha das semanas de maior afluencia turística na zona. A partir do mércores, unha foodtruck pecorrerá varias localidades ofrecendo degustacións gratuítas de petiscos elaborados a base de pescados e mariscos galegos.
A iniciativa quere poñer en valor o labor dos profesionais do mar, difundir a calidade dos produtos galegos e concienciar sobre a importancia de manter uns bos hábitos nutricionais que inclúan o peixe como alimento saudable.
O día 16 a foodtruck estará situada na praza xunto ao centro cívico de Xove, o 17 nos xardíns Noriega Varela de Viveiro, o 18 na praia de Xilloi do Vicedo e a fin de semana en Cervo. Estará aberta entre as 12:00 e as 15:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas pola tarde.
A campaña consta de catro furgonetas acondicionadas que realizan outras tantas rutas por máis de 250 municipios de España relacionados co Camiño de Santiago, percorrendo en total arredor de 6.400 quilómetros. En concreto, a que visita estes días A Mariña viaxou ata Valencia e entre as principais cidades nas que fixo parada figuran Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo ou Albacete.
O obxectivo é animar aos cidadáns a consumir os excelentes e variados produtos que comercializan as lonxas galegas -máis de 300 especies diferentes-, todos da máxima frescura e calidade. Para elo, elabóranse ata 10 receitas con produtos certificados do mar (como o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou peixes e mariscos co selo pescadeRías) xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas de Lourenzá, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.
As persoas interesadas en visitar algunha parada das catro rutas de foodtrucks poden informarse nos perfís de redes sociais da Consellería do Mar ou na páxina web da campaña onde se actualizan os datos referidos aos distintos percorridos.