Nota de Prensa
O CONCELLO DE CERVO COLABORA CO CLUB LIMOSA SURF NA ORGANIZACIÓN DO CAMPIONATO LOCAL DE SURF E BODYBOARD QUE TERÁ LUGAR O VINDEIRO SÁBADO NA PRAIA DA LIMOSA
Cervo, 16 de setembro de 2010.- Hoxe tivo lugar a presentación da terceira edición do campionato local Mac Giver de surf e bodyboard que terá lugar o vindeiro sábado, día 18, na praia da Limosa, de Lieiro. Dito campionato está organizado polo club Limosa Surf de San Ciprián e nel colabora o Concello de Cervo, xunto co servizo municipal de Protección Civil e a tenda de surf THC.
Ao acto de presentación desta proba asistiu por parte do Concello o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Asuntos Sociais, Pilar Armada, ademais de varios membros do club organizador.
Segundo indicaron os membros do Club Limosa Surf a competición ten previsto comezar ás 9 da mañá e desenvolverase durante toda a xornada matinal. A inscrición está aberta ao prezo de cinco euros. Os organizadores recalcaron que se trata dunha proba “sumamente local” ao non ter de momento infraestrutura para desenvolver “algo más grande”. Por iso recalcaron que a inscrición na competición verase restrinxida á xente local da praia e aos deportistas do resto da comarca. “Pedimos disculpas por ello y esperamos contar con la comprensión de los surfers, pero esperamos también que éste sea el primer paso para hacer cosas mayores” indicaron.