O conselleiro do Mar participou nas accións da xornada de promoción e divulgación de MERLUZA D& BURELA da Organización de Produtores Pesqueiros burelense
Burela, 10 de agosto de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a calidade da pescada do pincho de Burela así como a selectividade e exclusividade da captura desta especie, que se realiza peza a peza con artes de pesca selectiva. Así o sinalou neste municipio durante o acto de presentación da campaña de promoción de Merluza d& Burela, desenvolvida pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) e que tamén contou coa participación do cociñeiro con 12 Estrelas Michelín e 12 Soles Repsol, Martín Berasategui, embaixador desta acción.
Alí o titular de Mar destacou ademais a relevancia do peixe na dieta e sinalou que a rebaixa do IVE contribuiría a aumentar o seu consumo e os ingresos dos profesionais do mar. Nesta liña, salientou a necesidade de accións de difusión como Merluza d& Burela e de contar con profesionais da cociña con tanta experiencia e recoñecementos como Martín Berasategui como embaixadores dos produtos do mar. De feito Berasategui exerce de asesor gastronómico da marca Merluza d& Burela desde os seus restaurantes e participando activamente nas campañas de promoción que realiza a OPP burelense.
Esta iniciativa, subliñou Alfonso Villares, mostra a firme defensa dos intereses do sector que realiza a OPP do Porto de Burela e que tamén se reflicte na presentación do recurso contra o veto á pesca de fondo no que a Xunta é parte coadxuvante. Merluza d& Burela forma parte do plan de produción e comercialización anual desta organización de produtores pesqueiros e é unha acción cofinanciada pola Xunta e o fondo europeo pesqueiro.
Outras campañas de promoción da OPP do porto de Burela son Amor ao Mar, premiada coa medalla de bronce na categoría Activación e experiencia de marca dos Best!NFood 22 celebrados no marco da feira Alimentaria de Barcelona, Pescada a Pescada e Faino por amor.
Ademais deste acto, a xornada de promoción e divulgación de Merluza d& Burela incluíu unha visita á lonxa na que o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias e á que tamén asistiu Berasategui. Posteriormente visitaron un buque palangreiro que se dedica á captura da pescada.