Nota de Prensa
“Dándolle a Volta”, unha serie de obradoiros que pretenden facer reflexionar á adolescencia mariñá sobre as desigualdades existentes entre homes e mulleres, volve aos IES da Mariña
Coincidindo co comezo do novo curso escolar, O Observatorio da Mariña pola Igualdade volverá a ofertar aos IES da Mariña os obradoiros “Dándolle a Volta”
Despois da boa acollida que os obradoiros de “Dándolle a Volta” tiveron no último trimestre do curso pasado, o Observatorio voltará a ofertar para este novo curso escolar os obradoiros de igualdade. “Dándolle a Volta” é un proxecto do Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa Fundación Obra Social La Caixa que pretende abordar nos diferentes IES da Mariña as desigualdades existentes entre homes e mulleres na sociedade actual. A campaña está dirixida a alumnado de educación secundaria e bacharelato e o obxectivo principal é favorecer e proporcionar un coñecemento crítico sobre os mecanismos de transmisión de roles e estereotipos na sociedade que nos leven a identificar as causas da violencia de cara as mulleres, os modos nos que se dá e as posibles abordaxes para traballar a súa prevención.
Os obradoiros constan dun total de cinco módulos: a construción da identidade de xénero, os roles e estereotipos sexistas, a análise dos medios nos que nos socializamos, a violencia nas relacións e un último módulo adicado á construción dun blog, por parte do alumnado, no que irán plasmando as súas impresións sobre o aprendido. Con estes obradoiros o que se pretende é presentar ao alumnado diverso material sobre os temas tratados para favorecer a reflexión e o debate.
No último trimestre do curso pasado “Dándolle a Volta” xa estivo no IES Marqués de Sargadelos (Cervo), no IES Perdouro (Burela) e no IES Dionisio Gamallo Fierros (Ribadeo).