Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro cos presidentes das cinco autoridades portuarias de Galicia -A Coruña, Ferrol-San Cibrao, Marín-Ría de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía- e co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, para abordar a situación do sistema portuario galego e avanzar na súa coordinación coa finalidade de mellorar os seus resultados. O titular de Mar destacou que os peiraos son vitais no desenvolvemento económico da súa contorna e que nestes momentos de dificultades é fundamental que exerzan de motor para impulsar o crecemento da comunidade.
O representante da Xunta lembrou que Galicia sempre defendeu a necesidade de pensar nos portos da comunidade -tanto os autonómicos como os de ámbito nacional- como un único ente, coordinando e acompasando a súa actividade para mellorar os resultados do conxunto. Esa visión, expuxo, contribuíu a que estean a recuperarse do impacto da alerta sanitaria polo coronavirus malia as dificultades vividas por outras cuestións como a escalada de prezos nos últimos meses, o encarecemento da enerxía ou as consecuencias da guerra en Ucraína. Por iso, apostou por traballar de xeito coordinado para captar novos tráficos que fagan competitivos os portos e permitan diversificar a súa actividade, o que axudará a que acaden unha maior fortaleza coa que facer fronte a calquera contratempo.