Lourenzá, 15 de xullo de 2023. Despois de manter unha xuntanza coas familias do municipio, o equipo de goberno laurentino presentou unha moción en defensa da atención pediátrica, que foi aprobada por unanimidade. Na citada reunión tamén se acordou a recollida de sinaturas para reivindicar a solución a este problema ante a Consellería de Sanidade, da Xunta de Galicia.
Os gobernantes municipais explican que “os motivos que levaron a tomar estas medidas son, entre outros, que desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non se está a garantir o dereito das nenas e nenos do noso municipio a ser atendidos por un especialista en pediatría en caso de enfermidade. Tamén se está incumprindo o calendario de vacinas, co grave risco que isto supón”.
No Pleno Municipal aprobouse por unanimidade, con algunhas achegas do BNG, a moción do Grupo Socialista na que se lle demanda á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia as seguintes medidas:
1.- Que se restableza a consulta da especialidade de pediatría no Centro de Saúde de Lourenzá de luns a venres ou, polo menos, tal e como se viña realizando nos anos previos á pandemia COVID.
2.- Que a consulta pediátrica no Centro de Saúde de Mondoñedo se amplíe aos cinco días laborais da semana. Se o profesional se ausenta por vacacións ou permisos que lle correspondan, cubrir a súa ausencia, na medida do posible en xornadas de tarde, nas que se realizarán con preferencia as revisións do Programa do neno san, evitando así as dilacións no calendario de vacinación. Esta xornada vespertina sería no Centro de Saúde de Mondoñedo posto que a localización do PAC neste concello facilita que o Centro se atope aberto durante as 24 horas do día.
3.- Dotación da especialidade de pediatría na sección de urxencias do Hospital da Mariña, que garanta a atención desde o primeiro momento aos pacientes en idade pediátrica que acudan ao devandito servizo.
Esta moción será tamén remitida aos Concello de Barreiros e Mondoñedo para que podan tomar acordos apoiando estas peticións.
Na xuntanza antes citada coas familias non se descartou adoptar outras medidas de presión para que as súas reivindicacións sexan atendidas.