Os técnicos da Xunta constataron recentemente mediante unha nova analítica a reparación da infraestrutura da rede municipal e a emenda do vertido
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2023. A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais urbanas no concello de Viveiro cara á ría.
Esta achega foi identificada no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección no núcleo urbano deste municipio da Mariña lucense.
As mostraxes efectuadas polo persoal de Augas de Galicia permitiron confirmar a existencia de contaminación procedente da rede municipal de colectores.
Os técnicos da Xunta realizaron unha inspección ao punto de vertido, acompañados de representantes do Concello, solicitándolle a adopción das medidas necesarias para emendar a achega contaminante.
A empresa concesionaria do mantemento do servizo de saneamento municipal realizou a correspondente revisión da rede e desde a entidade local emitiuse un requirimento a un establecemento da zona urbana a fin de emendar posibles acometidas irregulares ou deficiencias.
Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron con técnicos municipais que se procedeu á limpeza da rede, confirmando a ausencia de contaminación mediante unha nova analítica, quedando emendando o vertido.