Pablo Díaz recolle as queixas dos pais e nais do centro educativo, nas que advirten de que “van contar con 2 profesores menos na plantilla, nun centro que conta cun 16% de alumnado con necesidades educativas especiais”
Abadín, 13 de xullo de 2023. O Voceiro socialista de Abadín, Pablo Díaz, recolle as queixas dos pais e nais do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, “xa que tal e como nos trasladaron, van a contar con 2 profesores menos na plantilla para o curso que vén. Un centro que conta cun 16% de alumnado con necesidades educativas especiais ”, advertiu Díaz.
O Voceiro advirte ademais que, a pesar de que o colexio mantén o mesmo número de alumnado para o vindeiro curso, arredor de 60 alumnos, “a Consellería de Educación decidiu enviar unicamente un profesor provisional”, en vez dos tres que había o curso pasado.
Pablo Díaz sinala que o feito de contar con menos profesorado “leva á comunidade educativa a unha situación moi complicada, xa que supón o agrupamento de varios cursos diferentes nunha mesma aula e cun só docente”. Explica que os recortes “dificultan gravemente o traballo dos docentes”, e tamén critica que diante desta situación “os nenos e nenas non poidan recibir un ensino de calidade e con tódalas garantías”.
Hai que destacar tamén que neste CEIP hai un importante número de alumnos con Necesidades Educativas Especiais (NEE) e NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo), “polo que é imprescindible contar con profesorado de apoio suficiente para a súa correcta atención”, remarcou o voceiro.
Por todo isto, Pablo Díaz emprazou ao Alcalde e Abadín a implicarse e a loitar polo futuro do pobo e por mellorar as condicións educativas no CEIP Aquilino Iglesia Alvariño. “Pedímoslle que se reúna cos pais e nais afectados, e atopar unha solución diante da Conselleira de Educación antes de que comece o curso. É preciso convocar unha reunión urxente con tódalas partes implicadas para resolver estas graves carencias. Non podemos deixar ao nenos e nenas de Abadín sen mestres, queremos unha educación pública e de calidade”, recalcou.