“Transcorridos 6 meses desde o seu nomeamento, parece unha misión imposible manter un encontro co responsable desta infraestrutura”, sinalou José Manuel Balseiro
Compostela, 28 de xuño de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio do BNG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno de España a necesidade de convocar con carácter de urxencia unha xuntanza do Comisionado do Corredor Atlántico e as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León, co obxecto de avanzar nas actuacións e compromisos que se identificaron como prioritarios no desenvolvemento desta infraestrutura estratéxica. “Transcorridos seis meses desde o seu nomeamento, parece unha misión imposible manter un encontro coa persoa designada polo Goberno central para levar os asuntos relacionados co Corredor Atlántico, o que consideramos un evidente desprezo a Galicia e pon de manifesto que a súa designación foi unha fraude”, manifestou o portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro.
Na súa intervención, Balseiro considerou que o novo Comisionado do Corredor Atlántico “non quere recibir aos responsables das comunidades autónomas porque non xestionou os fondos europeos para financiar este proxecto” e lembrou que “con tan só un día de diferenza pasamos de escoitarlle dicir que ‘as obras do Corredor Atlántico faranse goberne quen goberne’ a ter que recoñecer que ‘non haberá fondos europeos para finalizalas’”.
“Para Galicia é unha pésima noticia a exclusión do Corredor Atlántico do reparto de fondos europeos para o ano 2023, que confirman os nosos temores de que o Goberno de Pedro Sánchez segue parado e sen facer nada para impulsar esta infraestrutura estratéxica para Galicia”, lamentou.
O portavoz popular afirmou que “tanto o Goberno central como o Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico deben das explicacións do por que ningún proxecto desta infraestrutura en Galicia e en todo o noroeste vai recibir fondos europeos na convocatoria que vén de resolverse”. Neste sentido, explicou que “o único que sabemos é que a Unión Europea vai destinar este ano 6.300 millóns de euros a impulsar a Rede Europea de Transportes, dos que 250 millóns serán para España pero nin un céntimo para Galicia nin para o noroeste”.
Diante desta situación, José Manuel Balseiro volveu reclamar unha reunión do Comisionado do Corredor Atlántico coas comunidades autónomas de Galicia, Asturias e Castela e León “con carácter de urxencia, porque somos conscientes do moito que está en xogo”. “Temos unha responsabilidade especial e a obriga de reclamar dun xeito máis belixerante e decidido que o Corredor Atlántico de mercadorías sexa unha realidade, e só será posible se traballamos todos xuntos por conseguilo”, rematou.