O terreo foi cedido polo Concello, segundo explicou no seu momento o alcalde, Manuel Otero
Mondoñedo, 25 de xuño de 2022. O Concello acaba de conceder licencia para a construción no parque empresarial da Base Integrada de Unidades Operativas de Mondoñedo, promovida pola Axencia Galega da Industria Forestal, para a loita contra o lume e a protección do monte na área da Mariña. O orzamento de contrata das obras ascende a 479.918,65 euros.
En canto ao edificio en si, no proxecto sinálase: “Proponse a execución do centro coma un espazo dedicado á defensa do monte, pero tamén coa vontade de converterse nunha das iconas de Mondoñedo. Trátase de xerar un contedor de servizos de protección forestal, que poda funcionar como nodo de todos os axentes participantes nesta ardua laboura, favorecendo a conciliación entre descanso e traballo dos brigadistas, pero sen esquecer a integración nunha contorna tan sensible. Para minimizar o impacto dunha edificación, óptase por fragmentar o seu volume, en dúas ás diferenciadas, unha aberta, e outra consistente nun volume pechado. Outro dos mecanismos de integración é a inclusión de parasois emparrados e que voan sobre a paisaxe, minimizando o impacto do soleamento na área de comedor e descanso”.
O terreo no que se construirá a BUO é cedido polo Concello, segundo explicou no seu momento o alcalde, Manuel Otero.