Viveiro, 23 de xuño de 2023. O Concello de Viveiro organiza ao longo do verán, dende o luns 26 de xuño ao 17 de setembro, distintas visitas guiadas, percorridos panorámicos e rutas pola natureza que buscan poñer en valor os principais lugares de interese que se atopan na vila. Estas actividades serán diarias e de balde.
O programa deseñado conta con itinerarios que se repiten cada semana, ademais doutros que van rotando ao longo de cada quincena. Un dos obxectivos que se persegue é contar coa variedade suficiente para amosar os moitos espazos de interese, á vez que se consegue un equilibrio na frecuencia dos itinerarios que transitan polos lugares máis emblemáticos de Viveiro.
Con esta iniciativa, preténdese dar a coñecer a nosa paisaxe e a nosa historia a quenes se acercan por primeira vez á localidade, pero tamén brindar a oportunidade de redescubrila ás persoas que viven aquí todo o ano.
As actividades do programa terán carácter gratuito, aínda que é precisa reserva previa no correo electrónico viveirovisitas@gmail.com xa que o aforo é limitado. As mesmas quedarán establecidas semanalmente da seguinte maneira:
Luns:
Vivertren de Covas a Celeiro.
Martes:
Visita polo casco histórico “Templos e o antigo recinto amurallado”.
Mércores:
Ruta dos Muíños de Balea. / Paseo fluvial do río Landro. (*)
Xoves:
Visita polo casco histórico “Barrios gremiais”.
Venres:
Ruta a San Roque. / Ruta a Penedo do Galo. (*)
Sábado:
Visita polo casco histórico “Séculos XIX e XX”.
Domingo:
Souto da Retorta. / Cargadoiro da Insua. (*)
O comezo das actividades terá lugar todos os días ás 11:00 horas na estación de autobuses de Viveiro, salvo os domingos, que dependendo do itinerario, comezará á mesma hora, pero no aparcadoiro do acceso ao Souto da Retorta en Chavín, ou ao presente no acceso á área etnográfica da Insua.
(*) Os percorridos dos mércores, venres e domingo alternaranse cada semana entre os indicados no propio día na relación anterior.