Barreiros, 21 de xuño de 2023. O Concello de Barreiros presenta o seu novo Programa de Visitas Guiadas Barreiros queda en ti para este verán con novas propostas respecto ás anteriores edicións.
A través de percorridos de diferentes temáticas e en diferentes localizacións do municipio, tanto de interior como de costa, preténdese sacar á luz a esencia do territorio, amosando a súa riqueza cultural, ambiental e xeolóxica así como as formas de vida das súas xentes.
Segundo Ana Ermida, Alcaldesa e Concelleira de Turismo, “en Barreiros contamos con numerosos recursos turísticos dos que estar orgullosos, tanto pola súa beleza como polos seus valores e este programa danos a oportunidade de achegarnos a eles dunha forma máis completa”.
Así, desta vez, contaremos coas seguintes cinco propostas con posibilidade de participación tanto en xullo como en agosto:
-A vida aos pés do Mar Pequeno. Iniciaremos un curto percorrido aos pés da ría aproveitando a baixamar para coñecer máis de preto este espazo natural desde o punto de vista ambiental pero tamén cultural. A beleza paisaxística deste espazo será o marco para descubrir os seus numerosos valores e mesmo curiosidades. Será un percorrido circular regresando ao punto de partida a través do Camiño Natural do Cantábrico.
-O día a día dun gandeiro. Visita granxa Mantoño Holstein. Co obxectivo de poñer en valor un dos sectores económicos clave ao longo da historia de Barreiros e coa colaboración da gandaría de leite vacún Mantoño Holstein, descubriremos a labor diaria, o meritorio traballo e coñecementos dos gandeiros e gandeiras, así como as instalacións dunha das mellores granxas do país.
-Rutas xeolóxicas Litoral de Barreiros. Un percorrido polo litoral de Barreiros no que as nosas praias e cantís revelarán a súa orixe, o seu percorrido polo planeta e o motivo polo que se sitúan aquí. Un itinerario entre furnas, pregues, intrusións de rochas magmáticas e mesmo restos fósiles que non nos deixará indiferentes.
-San Miguel de Reinante, pasado moi presente. Neste paseo faremos unha retrospectiva sobre a vida no pobo a través dun percorrido por diferentes vestixios patrimoniais que son testemuñas do pasado. De entre todo este legado destacan, en número, as distinguidas vivendas habaneras, protagonistas e dominantes na paisaxe rural e urbana nun dos municipios galegos con máis patrimonio indiano.
-Santo Estevo do Ermo, refuxio de biodiversidade e patrimonio. A través deste itinerario retrocederemos milleiros de anos somerxéndonos na súa historia, patrimonio material e inmaterial, nos valores da súa fraga e nas orixes dalgunhas das especies que aquí atopamos. Máis aló da súa fervenza este pequeno bosque autóctono é unha caixa de sorpresas, un lugar para apreciar como se merece.
Todas as rutas son gratuítas. As persoas interesadas poden consultar toda a información e inscribirse páxina web de turismo municipal www.barreirosturismo.gal (sección ”Actualidade e Axenda”). Para resolver dúbidas poden contactar coa Oficina de Turismo municipal, teléfono 982 134 400.
Ana Ermida manifesta que “agardamos seguir dando pasos para ampliar a perspectiva turística de Barreiros e poñer así en valor o patrimonio que, ás veces, semella estar agochado e que, sen embargo, se atopa moi presente entre todas e todos nós”.