Recolleu a distinción o primeiro tenente de alcalde Jesús Fernández Fernández, nunha gala celebrada na Cidade da Cultura de Santiago con motivo do Día Mundial do Doante de Sangue
Viveiro, 14 de xuño de 2023. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ADOS, recoñeceu ao Concello de Viveiro como un dos concellos máis destacados na súa colaboración coa institución, nunha gala celebrada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela por mor do Día Mundial do Doante de Sangue.
O encargado de recibir a distinción en nome do Concello de Viveiro foi Jesús Fernández Fernández, primeiro tenente de alcalde e concelleiro encargado das áreas de Economía e Facenda, Mar, Participación Cidadá, Desenvolvemento Local e Conservatorio Profesional de Música.
Na gala, a ADOS recoñeceu a labor de colaboración coa doazón de sangue e órganos de diversas entidades públicas e privadas, dende concellos e centros de ensino ata empresas e influencers. O Concello de Viveiro, entre outros, foi distinguido como “un dos máis destacados na colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue” ao longo dos seus 30 anos de historia.