Ribadeo, 10 de xuño de 2023. O xornalista e escritor Santiago Jaureguizar será o pregoeiro do Ribadeo Indiano 2023. Así o deu a coñecer a organización no día de hoxe.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, subliñou que “Santiago Jaureguizar pasou a súa infancia e a súa mocidade en Ribadeo, de aí que pensaramos nel para o pregón da oitava edición do Ribadeo Indiano. Como xornalista desenvolve o seu labor no xornal El Progreso de Lugo, na sección de Cultura. No ano 2005 obtivo o Premio de Xornalismo Reimóndez Portelano, no 2009 o Premio Museo Provincial e o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego en 2018, entre outros moitos recoñecementos”.
A edil ribadense seguiu a relatar que “os seus inicios literarios están relacionados co movemento bravú. Santiago Jaureguizar foi pioneiro na introdución da literatura galega en internet con proxectos como Familia feliz, en Vieiros”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “como escritor ten publicados varios libros, ten participado en varias obras colectivas e conta no seu haber con premios tanto xornalísticos como literarios. Estamos convencidos de que a súa retranca e a súa vinculación con Ribadeo van estar moi presentes no pregón, que terá lugar o 7 de xullo no Teatro”.
Concello e Acisa adiantaron tamén algunhas das novidades do oitavo Ribadeo Indiano. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “esta edición estará dedicada ás artes, tal e como se plasmou no cartel coas vidreiras da Torre dos Moreno. As artes, sobre todo a arquitectura, estarán moi presentes nas conferencias que terán lugar do 7 ao 9 de xullo e tamén nas exposicións das que poderemos gozar ribadenses e visitantes”. E engadiu que “tamén se producirán cambios na xornada do venres na chegada ao porto, onde haberá un importante concerto musical. Verbenas no Campo de San Francisco e actuacións en moitos recunchos da nosa vila forman parte da programación do Ribadeo Indiano 2023, na que non faltarán os haigas, a xincana, actividades infantís, visitas guiadas e teatralizadas, o Mercado de Ultramar ou o Mercado da Horta. Ademais do xa anunciado concerto de Eliades Ochoa o 9 de xullo no barrio indiano de San Roque”.
Cruzado Iglesias lembrou que “as actividades do Ribadeo Indiano coas vésperas e as antevésperas xa deron comezo o pasado 5 de xuño cun obradoiro de coctelería e seguirán os días 17 e 24 deste mes cun obradoiro de baile para a xente moza. Todo co obxectivo de ir creando ambiente para a fin de semana mais agardada do ano na nosa vila, que será decorada para a ocasión, ao igual que os negocios locais aos que lles agarda algunha sorpresa que desvelaremos proximamente”.
Concello e Acisa agardan que “o oitavo Ribadeo Indiano sexa un éxito, ao igual que o foron as pasadas edicións, que o tempo acompañe e que todos gocemos e rendamos homenaxe á nosa emigración”.