A voceira socialista do Goberno en funcións sinalou que os traballos afectarán aos primeiros catro quilómetros; e tamén ao treito que vai do punto 6,073 ao 6,822; e consistirán na mellora da drenaxe, pavimentación con aglomerado e sinalización
Lugo, 9 de xuño de 2023. A Xunta de Goberno en funcións da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación por un importe de preto de 300.000€ as obras de mellora de novos treitos da estrada provincial LU-P-1911 na Fonsagrada, de Mesón Novo a Ventorrillo. A voceira socialista do Goberno en funcións, Pilar García Porto, informou de que, en concreto, os traballos afectarán ao tramo inicial, ata o quilómetro 4,345; e do punto 6,073 ao 6,822.
Esta actuación, adxudicada á empresa Desarrollos y Metas SL, consistirá na limpeza dos laterais, obras de drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización, e complementarán á actuación feita recentemente pola institución provincial ata Chao de Vaga, cun investimento doutros 200.000€. García Porto sinalou ademais a importancia da vía “que dá servizo a centos de veciños e veciñas da zona e na que se concentran numerosas explotacións gandeiras e varias casas de turismo rural”.
Fondos Europeos para mellorar a dixitalización da Administración local
A Xunta de Goberno aprobou tamén os primeiros pasos administrativos necesarios para poñer en marcha o proxecto polo que a Deputación de Lugo conseguiu captar preto de 4M€ de Fondos Europeos para mellorar a dixitalización da administración local.
Nese sentido, a voceira explicou a institución provincial vén de aceptar a subvención que chega do Ministerio de Política Territorial; iniciar a tramitación para reformular os proxectos e adaptalos á cantidade finalmente concedida, para procurar a correcta execución da totalidade da axuda; e designar ás persoas responsables da execución dos proxectos, tanto na operativa interna da Deputación, como ante as entidades executoras externas destes fondos.