Lugo, a 7 de xuño de 2023. A CIG ten convocada unha xornada de folga para o vindeiro venres 23 de xuño en demanda dun convenio digno para o comercio de alimentación da provincia de Lugo. A decisión chega en resposta ás insuficientes propostas trasladadas polas patronais que supoñen condenar as traballadoras e traballadores a ter o peor convenio do sector no país.
Aínda que a patronal (Gadis e Froiz) alega que os incrementos salariais que ofrece son maiores que os formulados noutras provincias “estes seguen a ser insuficientes porque partimos dunha situación moi inferior. Coa proposta empresarial, as táboas de todas as categorías profesionais por debaixo do grupo 3 continuarían estando no límite do SMI”, advirte o secretario comarcal da CIG-Servizos, Xoán Díaz.
Na última reunión da mesa, a patronal propuxo un incremento do 5% para o ano 2022, cunha paga única en concepto de atrasos de 780€ (231€ menos do que correspondería), unha suba do 4% para 2023, do 3,5% para 2025 e do 3,25% para o ano 2025. Ademais, néganse a incluír unha cláusula de revisión que opere ano a ano con referencia no IPC real e o único que propoñen é unha revisión a final de convenio, mais sen efecto retroactivo e sen dar lugar ao cobro de atrasos.
“Para nós esta oferta resulta insuficiente porque non permite recuperar nin garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, nun sector ademais que dende o inicio da pandemia e no actual contexto de prezos disparados está obtendo beneficios históricos”, subliña Díaz.
Un sector con enormes beneficios
Neste senso, critica que nesta negociación a patronal non está sendo “nin xusta nin xenerosa” coas traballadoras e os traballadores que foron quen, co seu enorme esforzo, permitiron que as compañías de distribución acadaran estas millonarias ganancias.
Por iso, avanza que “imos loitar por un convenio digno. Seguimos a reclamar incrementos salariais do 6,5% para 2022 e do 5,7% para 2023 para poder reverter o empobrecemento dos últimos dous anos; e unha cláusula de revisión salarial ao IPC real e con carácter retroactivo para garantir que non haxa perda do poder adquisitivo no futuro; así como demandamos o cobro do complemento de IT até o 100% da base de cotización”.
Moitas destas melloras, engade Díaz, foron asumidas pola patronal e estanse aplicando no convenio sectorial da Coruña polo que “as traballadoras da provincia de Lugo non van pasar por menos”. Díaz aclara que a CIG xa convidou ao resto de organizacións sindicais con presenza na mesa a que se sumen “e nos acompañen nesta convocatoria” que foi un mandato saído das asembleas de persoal.