Burela, 6 de xuño de 2023. Coa ofrenda floral á Virxe do Carme, que tivo lugar este mediodía no peirao, remataron as festas patronais de Burela deste 2023.
O alcalde, Alfredo Llano, sinalou que “este acto serviu tamén para render homenaxe a aquelas persoas que nalgún momento perderon a súa vida no mar. Con este emotivo acto damos por concluídas as festas patronais deste ano”.
O rexedor tivo palabras de agradecemento “para a comisión organizadora e para a Concellería de Cultura, que traballaron de xeito conxunto para elaborar un programa dirixido a todos os públicos. Detrás dunhas festas patronais hai moito traballo, que non se ve, pero que hai que facer. Grazas a todas e todos eles pola súa dedicación e polo seu esforzo”.
E engadiu: “agardo que a veciñanza de Burela gozase destes festexos e tamén todas as persoas que nos visitaron ao longo destes días, procedentes de diferentes puntos da nosa comarca. Agora comeza xa a conta atrás para as patronais de 2024”.