Ribadeo, 5 de xuño de 2023. Cun obradoiro de coctelería arrincaron esta tarde as actividades do Ribadeo Indiano 2023. Máis de 30 profesionais do sector hostaleiro asisten no Parador de Turismo a esta sesión, que é impartida por Marcos Martínez Iglesias, galardoado como mellor cocteleiro en 3 campionatos galegos, en 3 campionatos nacionais, nun campionato nacional de coctelería sen alcohol e nun campionato nacional GinTonic.
O concelleiro de Turismo e a presidenta de Acisa, Pablo Vizoso e Carmen Cruzado, déronlles a benvida aos asistentes, animáronos a gozar deste obradoiro no que os cocteles cubanos están a ser os protagonistas, xunto a outros pensados para a ocasión, “mantendo iso si, a esencia coa que naceu o Ribadeo Indiano, que non é outra que render homenaxe a aquelas persoas que un día decidiron subir a un barco na procura dun futuro mellor”.
E engadiron que “para seguir marcando a diferenza no Ribadeo Indiano é por iso que desde a organización programamos este obradoiro de coctelería”.
Vizoso Galdo e Cruzado Iglesias tiveron palabras de agradecemento para o cocteleiro Marcos Martínez e tamén para o Parador de Turismo de Ribadeo “por acollernos aquí e por colaborar con Acisa e co Concello sempre que lles plantexa unha idea deste tipo”.
Concelleiro de Turismo e presidenta de Acisa amosáronse satisfeitos “da boa acollida desta convocatoria á que se inscribiron 35 profesionais do sector hostaleiro de Ribadeo”.