Cervo, 2 de xuño, 2023. O Concello de Cervo puxo o punto e seguido a unha nova tempada das Escolas Deportivas Municipais cunha exhibición de patinaxe artística e de ximnasia rítimica na que as crianzas amosaron as habilidades adquiridas durante o curso, nunha bonita xornada celebrada no pavillón do CEIP de Cervo.
Os/as participantes recibiron da man dos edís de Deportes, Cultura, e Medio Ambiente en funcións, David Rodríguez, Dolores García Caramés e Mali Méndez, respectivamente, cadanseu diploma e un agasallo; que tamén lles foron entregados en días pasados ao alumnado das restantes disciplinas que engloban as Escolas Deportivas Municipais infantís (balonmán, volei e multideporte).
Rodríguez quixo felicitar a todas as persoas usuarias que formaron parte un ano máis das Escolas Deportivas Municipais de Cervo, tanto na categoría infantil como de adultos, “nunha tempada na que acadamos cifras históricas de participación con máis de 200 persoas usuarias”.
O responsable de Deportes en funcións animou á veciñanza de Cervo a que se sume o vindeiro curso a esta iniciativa “dende o concello entendemos que o deporte é unha actividade esencial na vida das persoas, por este motivo seguiremos apostando por ofrecer unha gran variedade de actividades tanto para adultos como para os máis pequenos”