Nota de Prensa
NOTA DE PRENSA
As obras desta nova infraestrutura darán comezo a finais deste mes ou principios de outubro
A FUTURA REDE DE SANEAMENTO DE CERVO CONTARÁ CUN SISTEMA DE DEPURACIÓN PIONEIRO NA PROVINCIA QUE USA PLANTAS PARA ELIMINAR RESIDUOS
* Técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria das obras estiveron hoxe no concello para dar a coñecer aos responsables municipais os detalles do novo proxecto
* O sistema do tratamento das augas residuais destes dous núcleos farase de xeito ecolóxico e consistirá nunha balsa na que, a través de plantas macrofitas, se depuran as augas fresiduais osixena a auga e pode volver a utilizarse
* Este método depurativo ten aparellado, ademais, un aforro nos custes de explotación e mantemento de case un 50% respecto ao tratamento bioquímico empregado habitualmente nestas instalacións
* A Xunta financiará o 100% das obras cuxo custe ascende a 1,7 millóns de euros
Cervo, 8 de setembro de 2010.- O Concello de Cervo será a primeira administración pública da provincia de Lugo que conte cunha depuradora municipal baseada nas propiedades das plantas acuáticas para o tratamento das augas residuais do núcleo de poboación de Cervo.
Así o deron a coñecer na mañá de hoxe técnicos de Augas de Galicia e da empresa adxudicataria das obras da nova rede de saneamento do núcleo de Cervo aos responsables municipais. Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, esta proposta de modificación foi incluída polos técnicos aproveitando a necesidade de ter que reformular o proxecto inicialmente previsto ao decidirse hai dous meses o cambio de emprazamento da estación depuradora cara a un lugar máis axeitado.
O novo sistema de depuración mantén as súas previsións iniciais de dar servizo a unha poboación potencial de 1.500 habitantes e servirá para depurar as augas fecais da capitalidade municipal mediante un sistema sinxelo e limpo que evita os lodos e non require apenas de enerxía, cumprindo así o protocolo de Kyoto. O tratamento consistirá nunha primeira fase de separación de graxas, areas e sólidos das augas residuais. Unha vez “peneiradas”, as augas pasarán a unha balsa duns 9.000 metros cúbicos na que haberá plantas macrofitas, que son unhas das moitas especies de xuncos que medran de forma natural nos estanques. De feito, o proceso que van a desenvolver estas plantas é o que antigamente realizaba a propia natureza nas xunqueiras.
Debido ao seu carácter de reprodución rizomática, a macrofita irá medrando e formando nas súas raíces un auténtico entramado semellante ao dunha alfombra. Deste xeito, cando a auga de fecais entre na balsa, os residuos iranse quedando no fondo, a planta oxidará a materia e os rizomas alimentaranse das propias bacterias. Na parte superior, o manto estable que se forma coas follas, evita que se creen malos olores e a porosidade da planta fai que o osíxeno atmosférico se filtre desde o aire hasta a auga a través das raíces.
“Este proxecto caracterizase polo seu baixo custe en mantemento -preto dun 50% respecto aos sistemas actuais-, e unha maior rendibilidade para o Concello fronte ás opcións alternativas” indicou o rexedor cervense, quen salientou que con este sistema “se consegue que as plantas eliminen o fósforo, o nitróxeno, as bacterias e a materia orgánica; constituíndo así un xeito de depuración máis completo que ningún outro dos utilizados na actualidade e ademais é cen por cen ecolóxico ” recalcou Villares.
AS OBRAS COMEZARÁN NUN MES
O rexedor local adiantou tamén que na xuntanza de hoxe os técnicos lle comunicaron a súa intención de dar inicio ás obras desta nova rede de saneamento a finais do presente mes “ou principios de outubro”.
Villares lembrou que o saneamento de Cervo era unha infraestrutura reiteradamente demandada polo Goberno local e polos veciños deste núcleo de poboación dende hai tempo “e que finalmente se puido materializar a principios do presente ano grazas á boa disposición dos actuais responsables da Consellería de Medio Ambiente”. Ademais, salientou a importancia que ten para todos os veciños da conca do Xunco contar con esta nova rede de saneamento “non só desde un punto de vista medioambiental, senón tamén como infraestrutura para o desenvolvemento, o progreso e o crecemento destas localidades, algo polo que sempre apostou este Goberno municipal”.
O rexedor asegurou que coa nova rede de sumidoiros e a nova depuradora garantirase a prestación dun servizo de calidade para os habitantes que bordean o Xunco, ao tempo que suporá un aforro para o concello “e permitiranos ter unha visión integral dunha zona de especial interese paisaxístico e natural coma é a canle deste río e a súa contorna”.
Para a construción desta nova infraestrutura a Xunta de Galicia destinará 1.752.744,10. O departamento que dirixe Agustín Hernández financiará o 100% do custo das obras, que se executarán nun período de 12 meses.
Este tipo de infraestruturas básicas son consideradas polo Goberno local de Cervo como prioritarias para o desenvolvemento harmónico do concello. Neste último ano dende esta administración local estanse a intensificar as xestións para conseguir mellorar e garantir que estas redes de servizos básicos cheguen a tódolos habitantes do termino municipal.