Viveiro, 23 de maio, 2023. A alcaldable polo BNG anuncia o seu propósito de “poñer a andar eses centros e antigas escolas do rural coa creación dunha Rede de Centros Socioculturais”.
Míriam Bermúdez, explica que “queremos crear desde o goberno, unha Rede de Centros Socioculturais Municipais. Isto é, crear unha programación anual de eventos culturais, sociais e deportivos en todas as parroquias, levando de novo a vida a todos esos centros sociais e antigas escolas fundadas por indianos que, a maioría delas, apenas teñen uso.”
“Unha programación anual de eventos, regular e estábel durante todo o ano, compaxinándoa coa de todos os centros, sen destincións da parroquia, e tendo en conta a todo o grupo de idades, en especial á mocidade.”
Míriam incide en que “hai que fomentar a convivencia, achegar a cultura, o deporte e as actividades de ocio a todas as parroquias e non só no centro de Viveiro, aproveitando para ofrecer en cada unha delas unha mostra do patrimonio material e inmaterial característico da parroquia.”
Míriam Bermúdez, unha vez na alcaldía e desde a Concellería de cultura, ten clara a dinamización das parroquias e considera imprescindible recuperar ese asociacionismo e participación veciñal con programas como este, creando lugares para as persoas e de posta en valor do noso patrimonio.