Foz, 19 de maio, 2023. “A estas alturas ninguén cre as mentiras do candidato á alcaldía do Partido Popular” comeza Inés López Couto, a número 2 da candidatura socialista encabezada por Fran Cajoto. “No último pleno respostouse a unha pregunta formulada polo grupo popular acerca da actuación do Combo Dominicano en Foz, da que o PP leva protestando desde o mesmo día, non sabemos por que, quizáis preferían a Panorama, máis non esgrimen ningunha clase de motivación”.
O goberno de Foz leva traballando man a man coas asociacións dende o minuto un, axudándolles nas súas solicitudes e tentando que poidan levar a cabo as súas actuacións da mellor maneira posible. Os grupos colaboran “na actividade cultural de todo o ano do municipio e a tod@s lles damos as grazas por iso, pero ademais son escoitados e colabórase con eles en todo. Un exemplo sinxelo é que no goberno do PP nin sequera se lles trasladaban os instrumentos á banda de música para facer os seus concertos, recaendo neles buscarse a vida para poder mover pezas tan grandes coma a batería. Iso si é falta de colaboración” e continúa “no debate electoral enchéuselle a boca de dicir que el facía o festival Vrao, efectivamente o concello comezou axudándolle á asociación organizadora, pero quizais o que debe recordar é que tamén foi o sr. Castiñeira o que acabou co festival Vrao”.
A actuación da orquestra Combo Dominicano é unha petición veciñal recibida polo grupo de goberno en moitas ocasións ao longo destes catro anos.”Puidemos cumplila agora facendo un esforzo e traendo a orquestra fóra de tempada alta de concertos. Ademais uniuse á Festa do Berberecho, converténdose nunha das edicións máis multitudinarias que se recorda, o que repercute en beneficio do pobo. Pola noite acudiu máis xente a Foz para ver a actuación musical, enchendo os establecementos hostaleiros e movendo a actividade económica do concello. Non sabemos por que lle molesta que a Foz lle vaia ben” explica a responsable de cultura. “Quizáis debería lembrar o señor Castiñeira, cando aló polo ano 2016 o Concello investiu case 15.000 euros no festival Why not here fest, un festival con entrada de pago, á diferenza do que fai este goberno, investindo en eventos gratuítos para a poboación”, explica Inés López.
“Xa sabemos que o sr. Castiñeira non escoitaba a ninguén nos seus anos de goberno, as peticións veciñais non se atendían, ben se ve cantas veces lle dixeron que non deixara dúas rúas no mesmo sentido de circulación, e o que fixo el, oídos xordos. Nós non pensamos facer iso.” Finaliza.