A alcaldesa María Loureiro agradece especialmente o labor da Concellería de Cultura, do artista David Bellas e da asociación Bágoas da Terra para manter as tradicións
Viveiro, 19 de maio de 2023. O Concello de Viveiro amosa a súa satisfacción e transmite os seus parabéns á toda a veciñanza polo desenvolvemento das actividades levadas a cabo na vila co gallo do Día das Letras, que este 17 de maio homenaxeou ao lucense Francisco Fernández del Riego.
Dende a Concellería de Cultura, un ano máis, programouse unha ampla lista de iniciativas co obxectivo de implicar a todos os grupos de idade e a todos os colectivos.
De novo, o acto central foi a interpretación do Himno de Galicia, dende o balcón da Biblioteca Municipal, por parte de David Bellas, artista e profesor do CMUS de Viveiro que desinteresadamente sempre se ofrece a levar a cabo este momento tan emotivo.
“Dende o Concello de Viveiro damos as grazas tanto a David como á asociación Bágoas da Terra polo seu labor a prol de manter as tradicións a axudarnos na promoción e salvagarda da nosa cultura”, subliña a alcaldesa de Viveiro María Loureiro.
Os compoñentes de Bágoas da Terra foron un ano máis os encargados do baile tradicional e xuvenil na Praza Maior, ademais de organizar a exposición “Exaltación do traxe galego” na sala multiusos do concello.
Foron moitos os centros escolares e os veciños e veciñas que desfrutaron deste percorrido polas diferentes vestimentas dos devanceiros, unha proposta que se suma en Viveiro á iniciativa colectiva “Orgullo de ser”, que propuxo de novo este mes de maio incorporar pezas do traxe tradicional galego á vestimenta ou a vestirse completamente co traxe.