Castiñeira destaca que Cajoto tivo que informar do custo do polémico espectáculo forzado pola insistencia do PP
Foz, 19 de maio de 2023. O PP considerou no seu momento que a contratación do Combo Dominicano para actuar na festa do chícaro foi un gasto desproporcionado e, por riba de todo, unha ofensa aos grupos que promoven a cultura, o folclore e as tradicións en Foz. Agora, o alcalde, Fran Cajoto, tivo que dar a coñecer ao PP que pola actuación do Combo Domincano pagáronse 13.000 euros máis o IVE. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Este foi o custo do Combo Dominicano na festa do berberecho, algo que nos parece totalmente sorprendente. No día de onte tivo que contestar á pregunta que fixeramos no pleno pasado; e deunos ese dato: un importe total de case 15.000 euros, entre os 13.000 máis IVE”.
Para Castiñeira, “é unha auténtica barbaridade, porque o señor Cajoto leva toda a lexislatura dicindo ás asociacións de veciños que non pode colaborar moito porque non hai cartos; leva tirando cando lle convén das asociacións culturais, dos grupos folclóricos e dos de teatro, sen subirlles as subvencións, e, cando lle interesa, Cajoto gasta os cartos das festas en actos totalmente electorais”.
Castiñeira explica: “Esta é a forma de actuar de Cajoto, vese que ao final do mandato gasta a discreción, segundo lle interesa. Parécenos unha falta absoluta de transparencia, un mal gasto dos cartos públicos e o que é peor, un uso do diñeiro público para intereses propios, partidistas, que non imos admitir”.