Foz, 18 de maio de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, informa de que a nova pista multideporte da rúa Pintor Laxeiro permanece desde hoxe, xoves, aberta para uso e desfrute de todas as veciñas e veciños. A pista, situada en terreos do CEIP O Cantel, está a ser utilizada polas alumnas e alumnos do colexio en horario lectivo e permanece aberta para todos os veciños fóra das clases.
O rexedor municipal explica que “a nova pista foi construída con dous accesos, un desde o centro escolar e outro desde a rúa. Deste xeito cando terminan as clases pode ser usada por todas as veciñas e veciños de Foz, aproveitando dun xeito moito máis eficiente esta nova infraestrutura deportiva”.
A nova pista multideporte conta cunha superficie de xogo de 30 por 15 metros, chan de formigón pulido pintado e peche lateral a 1 metro en taboleiro fenólico. A pista permite a práctica de balonmán e fútbol sala, con dúas porterías antivandálicas de 3 metros de base e 2 metros de altura; o baloncesto, con dúas canastras fixas antivandálicas; e o tenis, voleibol e bádminton, cunha rede desmontable.
“Este martes remataron os traballos de pintado das liñas de xogo e hoxe, xoves, xa está aberta para todo o mundo. Grazas a unha iluminación led con detector de presenza -só funciona cando alguén está xogando na pista- permítese a práctica deportiva pola noite”, destaca o alcalde, que pretende con esta actuación fomentar o deporte, especialmente entre os máis novos.
As obras foron financiadas polo Concello de Foz nunha cantidade de máis de 33.000 euros e pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que aportou os 62.000 euros restantes.