Gueimunde cre tamén necesario o desenvolvemento da formación profesional no municipio a través dos ciclos de pesca para promover un relevo xeracional no sector marítimo pesqueiro
Viveiro, 18 de maio de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá Celeiro acompañada pola candidata do PP á alcaldía de Viveiro, Mariña Gueimunde, e o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro Ourol, nun encontro que permitiu á candidata trasladar as principais preocupacións do sector marítimo-pesqueiro e as inquietudes dos veciños en diferentes eidos.
Gueimunde aproveitou a visita para explicar varias ideas que quere levar a cabo no caso de chegar á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. “Hai que retomar o proxecto de abrir Viveiro ao mar e converter o antigo peirao nalgo máis cun aparcadoiro, moi necesario sen dúbida, pero ese espazo tense que dotar tamén coma zona pública para o esparcimento e disfrute de toda a cidadanía”, e engade “Toda a liña da ría de Viveiro que vai da ponte medieval ao Porto Deportivo, onde tamén se atopan as instalacións do antigo Casino, hai que adecentala dunha vez, xestionando con Portos de Galicia un plan de reforma total que permita recuperar para o concello o uso e aproveitamento destes terreos para actividades deportivas coma o tenis, pádel, deportes náuticos, canchas de xogos múltiples, etc…”. A candiata non se esquece do edificio do guardamuelles, “un exemplo máis da apatía, deixadez e conformismo da Alcaldesa, que non levou ningunha idea a Portos para a súa utilización”.
Finalmente Gueimunde explicou tamén a necesidade de desenvolver a formación profesional a través dos ciclos de pesca para promover a pesca sostible e o relevo xeracional na actividade marítimo pesqueiro, “ten toda a lóxica que se demande para a nosa xuventude este tipo de titulacións nos centros educativos do municipio.”
Pola súa parte, Rosa Quintana mostrou o seu apoio á candidata de cara as eleccións que terán lugar o 28 de maio e espera que acade a confianza dos veciños para seguir traballando en favor da marítima no municipio e “sabe que conta con noso apoio para levar a cabo un cambio necesario”.