Lugo, 16 de maio de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes no Colexio de Fonseca, xunto ao Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, no acto institucional celebrado pola USC para homenaxear a Francisco Fernández del Riego, tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor natural de Lourenzá, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas na 60 edición desta efeméride.
No transcurso do acto académico presentouse a publicación do libro Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde, coordinado por Henrique Monteagudo e Xosé María Salgado que repasa a traxectoria do homenaxeado como líder dun efervescente movemento estudantil e o seu rol na galeguización da Universidade. Acto seguido, o catedrático do departamento de Filoloxía Galega e vicesecretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo Romero, impartiu a conferencia Francisco Fernández del Riego: contar a vida, vivir a historia.
A Deputación de Lugo achega ao Concello de Lourenzá 60.000€ para a organización do amplo programa que inclúe máis dun cento de actividades, coas que ao longo deste ano se está a dar a coñecer a vida e obra de Fernández del Riego. Entre eles, o acto central de mañá con motivo do Día das Letras Galegas 2023, que se celebrará na vila natal do homenaxeado, en Vilanova de Lourenzá, e ao que asistirá o Presidente da institución provincial.