Ribadeo, 16 de maio, 2023. O BNG de Ribadeo elaborou un programa de goberno para o mandato 2023-2027 no que as veciñas e veciños de Ribadeo poden comprobar o compromiso que adquire Pablo Vizoso Galdo, e toda a candidatura do BNG de Ribadeo, para os vindeiros catro anos. Fixemos o mesmo en anteriores ocasións, e volvémolo facer nesta campaña electoral.
Nese programa ben se pode comprobar que en materia de promoción económica, turismo e actividade cultural, levamos propostas concretas que marcan un camiño a seguir para continuar desenvolvendo a nosa actividade social, económica e cultural. E sabemos recoñecer cando podemos intentar influír noutras administracións, e cando somos nós quen temos responsabilidades no tema. Non prometemos facer unha cousa que non está nas nosas mans; comprometémonos a negociar, e mesmo demandar se é preciso, ante outras administracións, a rebaixa do solo industrial. Así o fixemos neste mandato que remata; e con éxito: baixaron os prezos do solo industrial. Pero cando o PP presidía o goberno central nunca aceptou a petición do concello de Ribadeo de rebaixa do prezo do chan industrial.
Pero cando temos responsabilidades, dicimos abertamente que imos desenvolver o Plan Especial das Catedrais, ou potenciar o Portal de Emprego xa creado. E podemos dicir con orgullo que Ribadeo é o concello da Mariña onde máis baixou o paro nos últimos anos. E afirmamos con clareza que imos habilitar un local de usos múltiples para os diferentes colectivos empresariais. E non esquecemos algo tan fundamental na historia recente do comercio ribadense como foi a creación das Panchas. Nin as sucesivas campañas de promoción do consumo local cando a campaña do Nadal. Nós, facemos. Algúns ocultan feitos para non recoñecer os logros dos demais.
E tamén concretamos os nosos proxectos no ámbito cultural: reforma do Forte de San Damián e da vella Estación do Tren Mineiro. Non precisamos crear ningún ente público-privado que coordine a actividade cultural co sector privado. O Concello xa se coordina con ACISA e co conxunto do sector comercial para deseñar os seus principais eventos que requiren da implicación de toda a sociedade ribadense. Ben á vista está o grado de implicación de todos e todas na celebración de eventos como o Ribadeo Indiano ou a campaña das Panchas.
Na recente visita do vicepresidente da Xunta, e conselleiro de Industria, Francisco Conde, volvemos a asistir a un baile de xeneralidades, incluso prometendo cousas que non están na man do concello. O PP de Ribadeo, coma un mantra que toca interpretar cada elección, quere baixar os impostos; pero non nos di como vai suplir os ingresos que se perdan. Iso xa o sabemos: con recortes.
O Concello de Ribadeo ten redistribuído a riqueza xerada por toda a sociedade ribadense tanto a través de políticas sociais como de actividades destinadas á promoción económica (como por exemplo as Panchas, ou as axudas destinadas a superar a crise derivada da COVID, ou a suspensión temporal de cobro de taxas por terrazas cando a pandemia).
Pola súa banda, Francisco Conde, vicepresidente da Xunta, e conselleiro de Industria, súmase ás propostas xenéricas do candidato Daniel Vega sen entrar en materia. Todo é unha suma de xeneralidades e lugares comúns sen entrar polo miúdo en ningún tipo de compromiso. Especialmente, no que se refire á reforma integral do Hospital Asilo.
Seguimos agardando da Xunta a decisión, negro sobre branco, con partida orzamentaria, aprobada en firme, a cantidade de diñeiro que o goberno de Alfonso Rueda, apoiado polo deputado Daniel Vega, vai dedicar á reforma integral do Hospital Asilo. Un día máis de campaña; un día máis agardando esa decisión. Pero non da chegado. Tan só se fala de xeneralidades, pero non de cousas concretas. Unha vez máis, o candidato Daniel Vega vendeu fume; e o vicepresidente Francisco Conde fíxolle os coros. Saiban as veciñas e veciños de Ribadeo que nós, o BNG, Pablo Vizoso Galdo, cumprimos. Con ou sen apoio da Xunta, levarase a cabo a reforma integral do Hospital Asilo.