Viveiro, 15 de maio de 2023. María Loureiro García, candidata socialista á alcaldía de Viveiro, garante que “como non podía ser doutra forma, continuaremos no próximo mandato coa nosa aposta por unha igualdade real na nosa vila”.
“Calquera persoa sabe o que se fixo nestes anos, onde Viveiro contou cunha alcaldesa, unha concelleira de Muller e un obxectivo claro: loitar por unha sociedade igualitaria”, lembra a candidata socialista.
“O Centro de Información e Atención á Muller seguirá a medrar e ofrecerá novos servizos; continuaremos coa implantación e información do punto lila sobre a violencia sexual, e por suposto coa mesa local de violencia de xénero, co seu protocolo de coordinación, cooperación, prevención e sensibilización contra esta lacra social”, explica.
Os socialistas manterán a liña deste mandato, facendo e difundindo actividades de sensibilización, cun seguimento de avaliación do Plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Viveiro, actividades e encontros para a integración social, cultural e laboral da muller.
“Continuaremos coa información e asesoramento xurídico nos seguintes sectores: familiares, civís, penais, administrativos, laborais, ou xustiza gratuita; coa orientación psicolóxica para muleres, e co traballo da educación en igualdade, en colaboración cos colexios e institutos”, engade Loureiro.
Os socialistas segurán tamén conmemorando o Día Internacional da Muller traballadora (8 marzo), o Día Internacional da Non Violencia (25 de novembro), e promocionando actividades de apoio técnico ás asociacións de mulleres, obradoiros, e cursos de formacion.