Viveiro, 11 de maio, 2023. O candidato á alcaldía de Viveiro por Podemos Roberto Yáñez e o número dous Carlos Gueimunde continúan co seu compromiso coa veciñanza de Viveiro e reuníronse o día 9 de maio coa Asociación de Veciños Casco Antigo de Viveiro co fin de recoller as súas demandas e mostrarlles o apoio do seu grupo ante a falta de resposta e abandono que senten por parte do Concello.
“Desde a Asociación trasladáronnos a súa frustración polo abandono institucional ante a multitude de escritos, preguntas e demandas presentadas perante o Concello, chegando a sentir tal abandono que se viron na obriga de acudir á Valedora do Pobo”, indica o candidato á alcaldía de Podemos Roberto Yáñez.
Durante a xuntanza trataronse temas de grande importancia: a falta de limpeza, a existencia de vivendas ruinosas con perigo de derrubamento, o escaso control do lecer nocturno, o estado actual do centro de saúde motivado pola falta de pediatras e a necesidade do aumento da presenza e vixilancia das Forzas de Seguridade e da aprobación da Ordenanza de Contaminación Acústica, entre outros.
O candidato Roberto Yáñez informou á Asociación de gran parte dás súas propostas, que afectarían e darían resposta inmediata a boa parte das súas demandas, tales como: a posta en marcha de programas de axudas á rehabilitación e reforma de vivendas afectadas pola Inspección Técnica de Edificios, a aprobación urxente do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou a elaboración dun mapa de ruído do Concello e dun plan de acción para reducir a contaminación acústica -tanto nas áreas urbanas como nas rurais-, actualizándose ou aprobándose as ordenanzas municipais que fose preciso.